Estivo dirixida ao alumnado do segundo curso de FP básica de Servizos Comerciais e ao de cuarto da ESO
Laura Moure/Silleda
Na mañá de hoxe, mércores día 15, Silvia López e Estefanía Fernández, presidenta e secretaria da Asociación de Comerciantes de Silleda (ECOS) respecitvamente, tiveron o pracer de ter sido convidadas a dar unha pequena charla acerca do traballo deste colectivo no IES Pintor Colmeiro de Silleda para o alumnado do segundo curso de FP básica de Servizos Comerciais e ao de cuarto da ESO.
Ademais dunha breve presentación da asociación e os ámbitos nos que se traballa, fíxose un repaso ao traballo das pasadas campañas promocionais específicas, ao traballo de presentacións dos socios durante todo o 2022 e parte desde 2023, ao lanzamento de tarxetas agasallo do colectivo e a outros obxectivos conseguidos despois dun ano e tres meses de andadura baixo a nova directiva, como a creación dun mapa de localización de socios tanto no casco de Silleda como en Bandeira e no polígono, a recente incorporación á Federación de Comercio de Pontevedra, a novidosa e pioneira campaña en favor dun servizo de comercio sustentable e respectuoso co entorno Trasdeza sen plástico, e o incremento de participación dos clientes nas diferentes campañas grazas á maior difusión das mesmas mediante a dinamización e maior presencia nas redes sociais.
Na charla tamén se falou da necesidade de unir forzas entre os pequenos comerciantes locais para conseguir obxectivos en común, da falta de iniciativas en favor da promoción do comercio por parte das autoridades locais e da importancia da posta en valor do exclusivo servizo de asesoramento profesional, trato cercano e servizo post venta que só se pode ofrecer desde o pequeno comercio. Vantaxes que cumpre entre todos visibilizar e promocionar xa que durante a charla, entre outras moitas cousas, as representantes da asociación de comerciantes e empresarios de Silleda constataron a falta de coñecemento, conciencia e compromiso co pequeno comercio local por parte do sector máis novo da nosa sociedade.
Desde a directiva de ECOS agradecen ao profesorado do Instituto Pintor Colmeiro "por contribuir a difundir e visibilizar o traballo da asociación entre os máis novos, aos que nuns anos tocará pasar a testemuña para que poidan seguir loitando por poder manter con vida as nosas rúas".
Comments