A Asociación da Festa da Empanada da Bandeira organiza unha comida popular o 28 de maio
As entradas xa están á venta
Laura Moure/ Silleda
Recuncar é un verbo que significa comer máis ou beber de novo do mesmo que se acaba de comer ou beber. Baixo esta palabra, a directiva da Asociación organizadora da Festa da Empanada proclamou un novo día de troula na vila cultural de Bandeira o próximo sábado 28 de maio.

"Tras dous anos de pandemia, e co obxectivo de volver a vernos os sorrisos, os veciños e veciñas poderán gozar dunha gran comida popular na Praza da Feira", indica o colectivo. O menú, que estará composto por empanada, mexillóns, carne ó caldeiro, pan, bebida, postre e café, terá un prezo de 20 euros para o público xeral, 10 euros para os menores de 12 anos e será gratuíto para as crianzas de menos de 6.
A propia asociación realizará e servirá a comida co propósito de recadar fondos para a celebración gastronómica do mes de agosto. As entradas da comida de “O Recuncar da Bandeira” poden mercarse xa nas redes sociais da Festa da Empanada e nos seguintes establecementos comerciais: Bar Arume, Taberna Zaux, Vinoteca Cadeira, A Casiña dos Contos e Merca Mella Bandeira.
Ademais do xantar, a xornada festiva contará cun karaoke, xogos tradicionais, a actuación de Pachi Show e un DJ ata altas horas da madrugada. A Asociación Amigos da Empanada agradece o apoio do pobo, do comercio local e do Concello de Silleda, principal institución colaboradora do evento.