top of page
Perruquería Marisa.gif

A Asociación Amigos da Empanada repite hoxe o seu bingo no que repartirá múltiples premios

Están valorados en máis de 1.500 euros e foron doados polo comercio local da contorna


Laura Moure/Silleda

O Centro Social da Bandeira (Parchís) acollerá hoxe, domingo 16 de abril,  a segunda edición do bingo organizado pola Asociación Cultural Amigos da Empanada tras o éxito do celebrado o pasado mes de marzo. O evento, destinado para todos os públicos, comezará ás 16:30 horas e repartirá decenas de premios valorados en máis de 1.500 euros e que foron doados polo comercio local da contorna.

Entre as recompensas para as persoas afortunadas que canten bingo ou liña atópanse unha televisión smart TV de 32¨, unha fin de semana nunha casa rural de Sanxenxo para seis persoas, un altofalante intelixente alexa, unha cafeteira, comidas e ceas en bares e restaurantes, un xamón, queixos, viños, vales por tatuaxes, gasolina ou masaxes, limpezas dentais, chuletóns de vaca vella, mesas para a Festa da Empanada, sacos de fariña, alimentos e doces entre outros moitos agasallos.

Ademais, as persoas participantes poderán acompañar a hora do café da xornada dominical con roscóns, tartas de améndoas e empanadas que disporá de xeito gratuíto a organización sen ánimo de lucro.

A directiva da entidade cultural anima a seguir ao colectivo nas súas redes sociais que levan por nome Festa da Empanada en Instagram, Facebook, Twitter e Tiktok para estar ao día nos próximos eventos que se anunciarán nas vindeiras semanas. A Festa da Empanada, declarada de Interese Turístico de Galicia, terá lugar o sábado 19 de agosto na vila da Bandeira e contará cunha comida e cea de peñas. 

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page