Andrés Seoane, presidente do colectivo, anunciou a súa intención de non continuar por motivos laborais e académicos e ningún dos seus compañeiros queren asumir este cargo
Laura Moure/Silleda
A actual directiva de Amigos da Empanada da Bandeira informa á veciñanza de que tomou a decisión de non presentarse á reelección na asemblea prevista para as próximas semanas. Esta medida busca abrir paso a novas ideas e liderados no seo da asociación.
O órgano de dirección da Asociación Cultural Amigos da Empanada vén de celebrar unha reunión de equipo na que se adoptou a decisión de non optar á reelección dos cargos tras o cumprimento do período de dous anos que marcan os estatutos da entidade. Andrés Seoane, presidente da asociación, anunciou a súa intención de non continuar ao fronte da mesma por motivos laborais e académicos, abrindo a posibilidade de que outro membro da actual directiva se postulase para a presidencia por outros dous anos máis. Ante a negativa dos compoñentes da actual directiva e seguindo o procedemento estipulado, o presidente convocará nas próximas semanas unha asemblea para conformar unha nova directiva. Deste xeito, coa convocatoria da asemblea de socios abrirase un prazo para presentar candidaturas, que deberán ser votadas na futura cita, na que ademais se pecharán as contas do actual exercicio.
Publicidade
O obxectivo é facilitar unha transición harmoniosa e permitir que a asociación continúe a súa labor de maneira dinámica e efectiva. Deste xeito, convídase a todos os veciños e veciñas da Bandeira e arredores a formar parte activa da organización sen ánimo de lucro e colaborar así na organización da Festa da Empanada, o Festival Esmorga Folk e o Festival Bandeirock, entre outros eventos. “Sinto un gran orgullo pola labor que esta directiva desempeñou ao longo destes dous intensos anos, traballando incansablemente e de xeito altruísta pola dinamización cultural e gastronómica da nosa vila. Con todo, considero que toca pechar un ciclo e deixar paso a novos proxectos que impulsen á Festa da Empanada ao máis alto”, expón Andrés Seoane.
Publicidade
Polo que respecta á declaración da Festa da Empanada como evento de Interese Turístico Nacional, a asociación espera que nas próximas semanas se poida contar cunha confirmación ou denegación da solicitude por parte do Ministerio de Turismo.
Para máis información ou para expresar o interese en presentar unha candidatura, estará habilitado o seguinte enderezo electrónico: empanadabandeira@gmail.com.
Comments