top of page

A asamblea do BNG cruceño elixe a Fiuza para volver encabezar a candidatura das eleccións deste ano

Valorou positivamente o traballo realizado durante este mandato polo grupo municipal


Laura Moure/Vila de Cruces

A asamblea do BNG de Vila de Cruces elixíu novamente e por unanimidade a Álex Fiuza como o candidato, cabeza de lista, para concorrer ás próximas eleccións do mes de maio. Tratouse dun proceso aberto, onde a militancia volveu a depositar a súa confianza no actual protavoz nacionalista. A asamblea valorou positivamente o traballo realizado durante este mandato polo grupo municipal. "Un mandato marcado polo incumprimento do pacto de cogoberno por parte de Taboada".

A responsable local, Cristina Fernández, deu conta de todo o traballo realizado durante este mandato, con máis de 70 mocións en 22 plenos. Ademais de diversas iniciativas que se trasladaron ao Parlamento Galego, como a denuncia pola posible perda do servizo de pediatría, con máis de 1.500 sinaturas da veciñanza que o reclamaron, ou a proposta non de lei para a mellora do ferri de Portodemouros. A formación do BNG valorou moi positivamente o traballo do consello local, "que non fixo máis que medrar nestes últimos anos", e consideran estar "no mellor momento para liderar o verdadeiro cambio que precisa Vila de Cruces, despois de catro anos de transición e ilusións frustradas debido a un goberno continuista, e que para nada cumpríu co obxectivo que o pacto de 2019 requiría, que non era outro que rematar coas políticas caciquís e aportar aire fresco para rexurdir Vila de Cruces".

Ilusión e compromiso O BNG de Vila de Cruces afronta os próximos comicios "coa ilusión de conseguir un futuro mellor para o concello onde queren vivir, e o compromiso de entrar a gobernar sen ataduras nin enfrontamentos persoais, co obxetivo de gobernar en igualdade e para todas as persoas defendendo o interese xeral".

O proxecto que o BNG presentará ante a veciñanza irá dirixido á mellora das infraestruturas no rural como as traídas de auga, mellora nas telecomunicacións, mellora de camiños..., a dar alternativas para a xuventude e mellores servizos para as persoas maiores, "as eternas esquecidas", ao desenvolvemento do chan industrial, a ofertar un turismo de calidade que atraia á xente a Vila de Cruces, a innovacións no ámbito rural "que convirtan as nosas parroquias en modelo rural e a que o Concello se posicione frontalmente en contra dunha invasión eólica que ameaza co despoboamento e o expolio do noso territorio. Este programa é totalmente aberto á participación veciñal".

Fiuza anima á veciñanza a "apostar pola única alternativa que se posiciona ao seu carón, sen intereses nin enfrontamentos persoais, que mira polas necesidades xerais da veciñanza". E ramata dicindo que "o BNG afrontamos unhas eleccións con máis madurez e experiencia e cunha proposta ilusionante que deixe atrás a frustración de non ter acadado o cambio agardado neste mandato, e co obxetivo de poñer Vila de Cruces como referencia do centro do país".

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page