A arzuá MJ Pérez presenta 'Je tiens bon', o seu quinto álbum de estudo na Festa do Queixo
- Laura Moure

- 25 feb
- 3 min de lectura
O seu concerto será o domingo 1 de marzo
Laura Moure/Arzúa
A artista arzuá MJ Pérez presenta Je tiens bon, o seu quinto álbum de estudo, un traballo que chega despois dunha longa pausa discográfica e que marca un punto de inflexión na súa traxectoria. O disco presentarase en directo na Festa do Queixo de Arzúa esta fin de semana. A cita será o domingo, 1 de marzo, ás 12:30 horas.
Tras cinco anos sen publicar disco, este proxecto nace dun proceso fondo de transformación persoal e creativa: unha etapa de altos e baixos, de dúbidas reais e de reconexión co sentido de facer cancións. No fondo, Je tiens bon resume unha idea clara: manterse firme dende a calma; resistir, si, pero non dende o ruído, senón dende a serenidade, a confianza e a madurez. Unha especie de “Guerrilleira en calma”.

Je tiens bon combina canción de autora, pop, rock, música de raíz, ritmos latinos e brasileiros, e que se permite xogar sen pedir permiso. A diversidade de estilos non rompe a unidade do álbum porque hai unha esencia que permanece intacta: a voz, o xeito de escribir, os trazos harmónicos que aparecen case sen querer e unha identidade recoñecible que o público percibe incluso cando o repertorio viaxa dun idioma musical a outro.
O disco constrúese da man de amigas e amigos que acompañaron a MJ Pérez no proceso: as voces de Adhara Caamaño, Nastasia Zürcher, Noelia Perpetuo, Sofía Espiñeira e CRUA baixo a produción de Peter Petrowski; e a insrumentación de Ailén Kendelman, Alberto Romero, Iván Bernárdez, Mauro Gómez, Carolina Costa, Margarida Mariño, Richi Casás, María López e Xiana Naval Je tiens bon é resistencia, si, pero tamén teimosía e esperanza; é emocional, social, artístico e vital á vez. E, sobre todo, é unha declaración tranquila: aquí estou, sigo en pé. Hai cancións que dialogan coa idea de aprender a vivir sen quedar inmóbil ante os obstáculos: asumir que a vida se despexa camiñando. E hai cancións que poñen o foco nunha realidade cotiá que atravesa a unha xeración enteira: precariedade, vivenda imposible, esgotamento, necesidade de afecto e de humanidade.
Publicidade
O disco busca que quen o escoite se atope ao outro lado: que se recoñeza nunha frase, nunha emoción, nunha ferida ou nun xiro de humor. Porque Je tiens bon é un disco que alberga moitos universos: amor, desamor, rabia, alegría, loita, ironía, reflexión íntima e crítica social. Un álbum que non se sostén sobre unha única etiqueta nin sobre un único estado de ánimo, senón sobre unha idea maior: converter a experiencia —cos seus claroscuros— en canción.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

No directo, MJ Pérez presenta Je tiens bon cunha proposta clara: as cancións como protagonistas. Ailén Kendelman nas percusións, Alberto Romero nas guitarras e Iván Bernárdez ao baixo, xunto á voz e guitarra de MJ Pérez. Sen artificios, sen decorados nin fogos artificiais, sen apoiar o show en pregravados. Música dende a honestidade e o traballo, con arranxos adaptados para que o repertorio manteña a súa forza sen perder verdade.
O espírito do show é o mesmo que atravesa o disco: resistir dende a calma, celebrar dende a lucidez, e compartir co público un concerto onde o importante non é a posta en escena, senón o que pasa cando a canción sucede. Logo da presentación do disco na Festa do Queixo este domingo, 1 de marzo, poderemos volver desfrutar deste directo o 25 de abril, na Sala Rebullón. Entradas á venda proximamente.







Comentarios