Foi organizado pola AECA e a Miss e modelo profesional a cruceña Iris Miguélez amadriñou esta primeira edición
Laura Moure/Arzúa
O SHOWROOM NO CAMIÑO organizado por AECA (Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa) tivo lugar o pasado sábado, 23 de novembro, na antiga Casa de Correos, unha construcción rehabilitada recentemente e que está situada no centro máis histórico de Arzúa; ao pé do Camiño de Santiago. Este novidoso evento social de dinamización comercial desenvolveuse en formato “sala de exposición” e convocou a artesáns locais e comerciantes pertencentes ao Centro Comercial Aberto de Arzúa.
Os expositores MOHEVA de TGM, MAMA TERESA DOCES ARTESÁNS e GUARNICIONERÍA HERMANOS GÓMEZ amosaron o seu talento a través dos seus produtos de extraordinaria calidade e con valor engadido; diferenciados e recoñecidos estes ademais pola súa fabricación sostible, polo recoñecemento de Artesanía Alimentaria e pola marca Artesanía de Galicia respectivamente.

Por outro lado, as tendas expositoras de moda ESTRENAS ZAPATERÍA E COMPLEMENTOS, MI TATA, MÍA MARÍA STORE e MODA SARI achegaron ao público o encanto das últimas tendencias e avances das súas coleccións de inverno a través dunha coidada mostra de prendas que non deixaron indiferentes aos asistentes. A presentación das súas propostas de moda estaba centrada no Nadal, con suxerencias para lucir durante as vindeiras festividades; en ceas con amigos, encontros de empresa ou reunións familiares. Ademais, a mostra incluía moitas opcións para agasallar.
O SHOWROOM NO CAMIÑO foi máis alá dunha simple exposición de produtos; a través desta actividade AECA deulle visibilidade e promocionou o seu comercio local. Procurou captar a potenciais novos clientes para o CCA Arzúa, e a sala de exposicións converteuse nun espazo de interacción e de confianza co público, onde se fortaleceron vínculos de amizade coa clientela, xeráronse vendas directas e efectuáronse numerosas reservas para logo probar en tenda.
Publicidade
A celebración de este showroom ademais supuxo un punto de encontro no cal déronse cita diferentes personalidades afeccionadas ao mundo da moda. O evento contou coa asistencia de bloggers fashionistas e influentes da zona interior de Galicia como Laura Orois ou Andrea Boado, e tamén se contou coa presenza da Miss e modelo profesional a cruceña Iris Miguélez, quen amadriñou esta 1a edición do SHOWROOM NO CAMIÑO.
A organización da AECA fai unha valoración moi positiva do evento, posto que superaron as súas expectativas de afluencia e cumpriron os seus obxectivos. Así pois, esperan poder repetir a experiencia no vindeiro ano cunha segunda edición.
Comments