top of page

A ANPA Paxariñas do CEIP de Piloño promove actividades sobre a igualdade e a prevención da violencia

"Contamos con 42 familias socias das 47 conforman a comunidade educativa do centro, polo que representamos ao 89,36 % das familias, contando cun amplo apoio, participación e implicación nas actividades que organizamos", sinala o colectivo


Laura Moure/Vila de Cruces

Poucos, pero aínda quedan colexios no rural que loitan pola súa supervivencia para darlle a mellor das educacións ao rapaces preto das súas casas. Como é o caso do CEIP Plurilingüe de Piloño, que está situado nesta parroquia cruceña. E na súa supervivencia tamén ten moito que ver a ANPA do centro.


"O concello conta cun total de 5.063 habitantes, cuxo 3% son nenos e nenas con idades comprendidas entre 5 e 14 anos. Cun saldo vexetativo negativo de 76, estamos ante un concello rural, envellecido e cunha tendencia á perda de poboación, sendo cualificado polo IGE como zona pouco poboada (ZPP). Alén desta realidade, na ANPA Paxariñas temos un claro obxectivo: acadar melloras para as familias do CEIP Plurilingüe Cerdeiriñas de Piloño e para Vila de Cruces en xeral, facendo especial fincapé en aquelas accións que repercutan nunha sociedade igualitaria".


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

Neste momento, sinalan que "contamos con 42 familias socias das 47 conforman a comunidade educativa do centro, polo que representamos ao 89,36 % das familias, contando cun amplo apoio, participación e implicación nas actividades que organizamos".


Dentro destas melloras leva a cabo o proxecto de Cambia a pegada facendo unha semana de actividades para fomentar a igualdade e a prevención da violencia de xénero. Para a realización das actividades confiouse en Sororas.gal, que acompañarán ao alumnado e as familias nesta semana de aprendizaxe.


Durante toda a semana no CEIP Cerdeiriñas de Piloño tiveron lugar diferentes obradoiros para o alumnado, colaboracións de asociacións locais, compartindo boas prácticas en materia de igualdade e finalizando o 25N, nunha xornada para as familias, para a creación dunha “Escola de Familias” na que aprender dende a aplicación da corresponsabilidade e a coeducación.

Mural de María Pita que pintou este venres o alumnado do CEIP Cerdeiriñas

"Destes obradoiros realizados co alumnado que tivo un eixo pedagóxico para as crianzas, sacaremos material audiovisual e cartelería, para dar visibilización tanto á comunidade educativa como á sociedade en xeral, para facer un cambio cara a á igualdade, transmitindo e implementando valores que fomenten e promovan a igualdade para traballar dende a base a prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, tomando como folla de ruta os eixos de actuación que articulan o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O noso principal medio de difusión son as nosas redes sociais e a nosa páxina web, onde será publica­do todo o material realizado neste proxecto", sinala a ANPA.


Cambia a Pegada é un proxecto financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, dentro da liña de financiación SI449B para financiar actividades impulsadas polas asociacións de nais e pais do alumnado de promoción da igualdade e de prevenión da violencia de xénero.


Xornada do 25N

"Nesta última xornada faremos a creación da escola de familias. A creación da Escola de Familias é prioritaria para poder chegar á aplicación da perspectiva de xénero no fogar.

As persoas estamos en continua aprendizaxe, polo que é fundamental dotar de espazos nos que as familias poidan falar, compartir e aprender de xeito conxunto, nun espazo no que o coidado mutuo é un dos piares fundamentais. Un espazo no que as persoas usuarias non sexan xulgadas, onde atopen o apoio e entendemento para poder aprender en igualdade e sobre igualdade. Para a inauguración da escola teremos unha primeira xornada na que contaremos con persoas da Asociación Veciñal Minas da Brea, da parroquia veciña de Fontao, e coa Asociación Cultural Garatuzas de Piloño".

Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

A Asociación Veciñal Minas da Brea foi parceira na coordinación do Proxecto Erasmus + “MOMMAS Coffee, Masters of Motherhood Making Awasome Stuff”. Falarán do seu proxecto innovador e experimental sobre maternidade e paternidade, articulado a través de encontros internacionais, actividades locais e unha revista en liña e da metodoloxía que utilizaban para profundizar nas diferentes temáticas, o “World Café” ou “Café Mundial”.

A Asociación Cultural Garatuzas falaranos da súa experiencia como asociación rural que procura a creación de espazos corresponsables e de conciliación para as familias e as crianzas.


"Nesta xornada, faremos un primeiro World Café para falar das redes sociais, os contidos e a súa influencia na afluencia da violencia machista, así como tratar diferentes temas que xurdan durante o parladorio, tomando un café".



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page