top of page

A ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería do 061 con base en Lalín asistiu 353 persoas en 2025

Entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo, os meses que rexistraron maior actividade foron os de xaneiro, con 66 servizos; xuño con 63 e febreiro con 56


Ecos da Comarca/Lalín

A ambulancia de soporte vital avanzado (SVA) de enfermería con base en Lalín prestou asistencia sanitaria a 353 persoas en 360 servizos entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo deste ano 2025.


Este recurso, que reforza a atención ás urxencias e ás emerxencias das máis de 35.000 persoas que viven na comarca dezá, prestou asistencia sanitaria, principalmente, no municipio de Lalín, que rexistrou 258 servizos. Desprazouse ata os concellos de Silleda en 42 ocasións; Rodeiro en 23; Agolada en 11; Dozón e Vila de Cruces en sete ocasións ambos os dous; Forcarei en cinco; en dúas ocasións desprazouse a Santiago de Compostela e O Irixo; e nunha ocasión mobilizouse ata Piñor, Antas de Ulla e A Estrada, respectivamente.

Os meses que rexistraron maior actividade foron os de xaneiro, con 66 servizos; xuño con 63;  febreiro, con 56; abril con 49; marzo con 44; seguidos dos meses de maio e xullo, ambos os dous con 41 servizos.


Incremento da calidade asistencial

A ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería con base en Lalín incrementou a calidade asistencial da poboación a través da atención presencial de pacientes que necesitan coidados de soporte vital avanzado.


Nestes sete primeiros meses de actividade, en 74 servizos -é dicir, no 20,5 % dos servizos realizados-, prestouse asistencia sanitaria sen que fora necesario o traslado dos pacientes a un centro sanitario. Ademais, este recurso permite realizar traslados de pacientes e garante a prestación dos tratamentos axeitados durante o traxecto, sen necesidade de mobilizar os equipos de atención primaria.


Así, nos casos nos que se considerou necesario o traslado do paciente a un centro sanitario, os traslados realizáronse en 183 ocasións ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela; 82 foron ata un centro de atención primaria; catro ao Hospital HM Santiago; tres ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; dous á Clínica Deza e ao Hospital Montecelo; e tres foron a centros hospitalarios privados. 


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

En cinco ocasións foi necesaria a transferencia do paciente a unha ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada e, finalmente, en dous servizos o desprazamento da ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería foi anulado antes da chegada ao punto.


Tipoloxía das emerxencias atendidas

Respecto á tipoloxía das principais emerxencias atendidas, entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo deste ano, o 23 % dos servizos foron solicitados por facultativos de atención primaria; o 16 % foron asistencias por alteración da conciencia; o 12 % debéronse a mareos; o 11 % por caídas; e outro 11 %  restante por dificultade respiratoria ou fatiga.


Esta ambulancia con base en Lalín foi a primeira de soporte vital avanzado de enfermería situada fóra do ámbito das cidades desde a súa implantación o 1 de xuño do ano pasado. Ata o de entón, as ambulancias de soporte vital avanzado de enfermería estaban presentes, desde 2019, nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo co obxectivo de optimizar a prestación asistencial ás urxencias e ás emerxencias sanitarias nestas áreas.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Todas as ambulancias de soporte vital avanzado da rede de transporte sanitario urxente de Galicia-061, sexan medicalizadas ou de enfermería, son vehículos cuxo equipamento e dotación permite prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes críticos no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado.


A asistencia sanitaria realizada polo persoal sanitario do 061 de Galicia, tanto no punto no que se atope o paciente como durante o traslado, está en todo momento coordinada e supervisada en tempo real, desde a Central de Coordinación, por médicos coordinadores especialistas na atención da urxencia e a emerxencia extrahospitalaria.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page