top of page

A ambulancia de Soporte Vital Avanzado de enfermería de Lalín asistiu 62 persoas desde a súa incorporación

Reforza, desde o pasado día 1 de xuño, a cobertura sanitaria ás urxencias e as emerxencias das máis de 35.000 persoas dos concellos da comarca


Ecos da Comarca/Lalín

O director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez, xunto co o alcalde de Lalín, José Crespo, e o director de Atención Primaria da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Felipe Calle, presentaron este luns a ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado (SVA) de Enfermería con base no concello. Este recurso asistencial vén reforzar, desde o pasado día 1 de xuño, a cobertura sanitaria ás urxencias e ás emerxencias das máis de 35.000 persoas dos concellos da comarca. 


Durante a presentación, o director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 expuxo os datos da actividade da ambulancia de SVA de Enfermería de Lalín nos últimos 40 días. Neste período, a ambulancia mobilizouse en 64 ocasións para asistir a 62 persoas. Delas, 34 foron homes e 28 mulleres. 

Patoloxías máis atendidas

Respecto ás patoloxías máis atendidas, o 38% foron asistencias a iniciativa de Atención Primaria, o 16% mareos, o 15% alteracións da conciencia, o 8% caídas e o 5% asistencias por dor. Outras patoloxías atendidas foron asistencias por febre, por accidentes de tráfico, por fatiga e por alteracións da conduta que supoñen cada unha un 2% das asistencias realizadas.


Ademais, no 60% dos servizos os pacientes foron trasladados a un centro hospitalario, 26% foron asistidos no punto, no 11% foron a Atención Primaria e no 3% dos servizos foi necesaria a transferencia do paciente a unha ambulancia de SVA medicalizada. Pola súa banda, o alcalde Lalín, José Crespo, subliñou a relevancia deste recurso asistencial para realizar traslados de pacientes e garantir a prestación dos tratamentos durante longos traxectos, sen necesidade de mobilizar ao equipo de Atención Primaria do centro de saúde de referencia.


Publicidade

Preme na imaxe para contactar con nós.

Crespo lembrou que a incorporación deste recurso asistencial de SVA mellora os tempos de asistencia á poboación e incrementa a calidade asistencial a través da atención presencial daqueles pacientes que necesiten coidados de soporte vital avanzado. 

A decisión de incrementar a Rede de transporte sanitario urxente terrestre do 061 cunha ambulancia de SVA de Enfermería con base en Lalín, destacou o rexedor dezá, confirma "o compromiso da Xunta de Galicia para mellorar a atención ás urxencias e as emerxencias neste concello e na súa área de referencia".


Cómpre salientar que todas as ambulancias de SVA da Rede de transporte sanitario urxente de Galicia-061, sexan medicalizadas ou de Enfermaría, son vehículos cuxo equipamento e dotación permite prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes críticos, no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado.


Ademais, a asistencia sanitaria realizada polo persoal sanitario do 061 de Galicia, tanto no punto no que se atope o paciente como durante o traslado, está en todo momento coordinada e supervisada en tempo real, desde a Central de Coordinación, por médicos coordinadores especialistas na atención da urxencia e a emerxencia extrahospitalaria.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page