Entre o 1 de xuño de 2024 e o 1 de xaneiro de 2025, os meses que rexistraron maior actividade foron os de setembro, con 53 servizos, e de outubro con 52
Ecos da Comarca/Lalín
A ambulancia de soporte vital avanzado (SVA) de enfermería con base en Lalín prestou asistencia sanitaria a 294 persoas en 301 servizos nos seus primeiros sete meses de actividade desde a súa incorporación, o pasado 1 de xuño, á rede de transporte sanitario urxente de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
No período comprendido entre o 1 de xuño de 2024 e o 1 de xaneiro de 2025, os meses que rexistraron maior actividade foron os de setembro, con 53 servizos; outubro, con 52; seguidos dos meses de xuño e xullo, ambos os dous con 46 servizos. No mes de agosto realizáronse 39 servizos; no de decembro 36; e o mes de novembro rexistrou 29 servizos.
Este recurso, que reforza a atención ás urxencias e ás emerxencias das máis de 35.000 persoas que viven na comarca dezá, prestou asistencia sanitaria, principalmente, en diferentes localizacións do municipio de Lalín, que rexistrou 233 servizos. Desprazouse tamén ata os concellos de Rodeiro e de Silleda en 20 ocasións en ambos os dous casos; ata Agolada en 11 ocasións; Dozón rexistrou 7 servizos; Vila de Cruces, 4 e O Irixo 2. Nos concellos de Piñor, A Estrada, Forcarei e Santiago prestouse asistencia sanitaria nunha ocasión.
Incremento da calidade asistencial
A ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería con base en Lalín incrementou a calidade asistencial da poboación a través da atención presencial de pacientes que necesitan coidados de soporte vital avanzado.

Nestes sete primeiros meses de actividade, en 79 servizos -é dicir, no 26 % dos servizos realizados-, prestouse asistencia sanitaria sen que fora necesario o traslado dos pacientes a un centro sanitario. Ademais, este recurso permite realizar traslados de pacientes e garante a prestación dos tratamentos axeitados durante o traxecto, sen necesidade de mobilizar os equipos de atención primaria.
Así, nos casos nos que se considerou necesario o traslado do paciente a un centro sanitario, os traslados realizáronse en 151 ocasións ao Hospital Universitario Clínico de Santiago; 59 foron ata un centro de atención primaria; e o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a Clínica Deza e o Hospital HM Santiago recibiron dous pacientes respectivamente. En catro ocasións foi necesaria a transferencia do paciente a unha ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada e, finalmente, en dous servizos o desprazamento da ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería foi anulado antes da chegada ao punto.
Tipoloxía das emerxencias atendidas
Respecto á tipoloxía das principais emerxencias atendidas, entre o 1 de xuño e o 1 de xaneiro, o 28 % dos servizos foron solicitados por facultativos de atención primaria; o 19 % foron asistencias por alteración da conciencia; o 10 % debéronse a caídas; outro 10 % por mareos; e o 8 % restante por dificultade respiratoria ou fatiga.
Esta ambulancia con base en Lalín é a única ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería situada fóra do ámbito das cidades, xa que desde o ano 2019 as ambulancias de soporte vital avanzado de enfermería están presentes nas cidades da Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo co obxectivo de optimizar a prestación asistencial ás urxencias e ás emerxencias sanitarias nestas áreas.
Publicidade
Todas as ambulancias de soporte vital avanzado da rede de transporte sanitario urxente de Galicia-061, sexan medicalizadas ou de enfermería, son vehículos cuxo equipamento e dotación permite prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes críticos no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado.
A asistencia sanitaria realizada polo persoal sanitario do 061 de Galicia, tanto no punto no que se atope o paciente como durante o traslado, está en todo momento coordinada e supervisada en tempo real, desde a Central de Coordinación, por médicos coordinadores especialistas na atención da urxencia e a emerxencia extrahospitalaria.
Comments