A amazona silledense Mónica Trujillo Souto, (In)Visible do mes de xullo
- Laura Moure

- 17 jul 2025
- 2 Min. de lectura
Hoxe en día segue vinculada á empresa familiar de cría, preparación e venda de cabalos
Laura Moure/Silleda
Este mes de xullo, coincidindo co Día Mundial do Cabalo, poñemos o foco en Mónica Trujillo Souto, unha silledense que representa como poucas a forza da paixón, o esforzo constante e o amor pola súa terra. Mónica naceu en Silleda, e tras vivir e coñecer outros lugares, escolleu voltar á súa terra natal para formar aquí a súa familia. A súa vida estivo sempre vencellada ao deporte e ao compromiso.

Como deportista, comezou a nadar aos seis anos co grupo do CEIP de Silleda, e pouco despois entrou no Club de Natación Lalín. A súa traxectoria na natación levouna a competir en diferentes niveis e probas, culminando na tempada 2005-2006 cun primeiro posto nos 200 metros bolboreta e un segundo posto nos 100 metros bolboreta no Campionato de España de Natación de Verán.
Con todo, Mónica destaca que o máis valioso da natación foron os valores que lle deixou: disciplina, constancia e superación.
Publicidade
En 2010, con 20 anos, grazas ao seu irmán, descubriu a Doma Clásica e namorouse deste deporte. Durante case unha década dedicouse en corpo e alma aos cabalos ata que unha lesión a obrigou a deixar a montura. Aínda así, continúa hoxe vencellada á empresa familiar dedicada á cría, preparación e venda de cabalos. Mónica fala do mundo ecuestre como unha escola de vida, onde o respecto, a paciencia e a empatía son fundamentais.
O seu traballo e compromiso tamén se reflicten nos logros acadados:
En 2022, co cabalo Zimbabwe RA e o xinete Carlos Jacobo Sotelo, participou no
Campionato do Mundo de Cabalos Novos.
En 2024 e 2025, co cabalo Negrón F, acadaron o 1º e 2º posto,
respectivamente, no Campionato de España de Pura Sangue Lusitano.
En campionatos galegos, conseguiron numerosos títulos: campións absolutos,
por equipos, en categoría de potros…
Publicidade
Antes de centrarse na doma, participaron en concursos morfolóxicos, onde acadaron premios como “Mellor gandería” e varios “Campións da raza”.
Con esta deportista local, o Concello de Silleda, a través do departamento de Igualdade, dirixido por Ángela Troitiño, continúa o programa (In) Visibles: doce meses, doce mulleres, unha iniciativa que arrancou en xaneiro de 2024 para visibilizar a pegada e o legado que deixaron e deixan as mulleres na sociedade silledense.








Comentarios