A Alternativa Veciñal de Antas de Ulla propón crear unha comunidade enerxética pioneira na Ulloa
Ecos da Comarca/Antas de Ulla
A Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (AVA) propón a creación dunha comunidade enerxética pioneira na Ulloa. O grupo municipal rexistrou unha moción para impulsar o autoconsumo fotovoltaico e a creación de comunidades enerxéticas no municipio.

As comunidades enerxéticas son proxectos colectivos en que persoas físicas e outras entidades locais como negocios ou concellos asócianse para xestionar a súa propia enerxía. Teñen como obxectivo fomentar a xeración renovable distribuída e desenvolvemento local, permitindo a participación directa das persoas no mercado eléctrico, á vez que se xeran beneficios sociais e ambientais. Esta figura é unha proposta da Unión Europea, e os Fondos de Recuperación Transformación e Resiliencia están a dar un impulso forte á transición enerxética, sendo o autoconsumo un dos grandes beneficiados.
Numerosos municipios españois, explica, están a impulsar comunidades enerxéticas cedendo cubertas de edificios municipais para aloxar instalacións fotovoltaicas de modo que a enerxía producida sirva para o autoconsumo do propio edificio e para reducir a factura das familias situadas nas súas inmediacións e que desexen adherirse ao modelo.
A iniciativa de AVA pasa por crear, como proxecto piloto, unha Comunidade Enerxética Local, impulsada polo Concello da que tamén formen parte veciños e veciñas e empresas locais (como por exemplo algunha instalación gandeira), para deixar de lado os combustibles fósiles e poñer as novas fontes renovables ao servizo do común.
"Na mesma moción tamén pedimos que por parte do Concello se impulsen accións de
sensibilización e formación sobre o autoconsumo fotovoltaico na comunidade, e que se
traballe para que a entidade local sexa un punto de información para a creación de
comunidades enerxéticas no noso municipio. Así como que se estudie realizar instalacións de autoconsumo compartido para os consumos municipais e a rede de iluminación pública. Dende AVA poñemos en valor o autoconsumo, pero tamén a soberanía e con isto o que facemos é xerar independencia e unir á comunidade", recalca.