A alcaldesa de Silleda Paula Fernández participa nun foro da Fegamp sobre mocidade e igualdade
- Laura Moure

- 27 feb 2025
- 3 Min. de lectura
Este Concello Silleda contratará a 7 persoas como operarias no a través do programa Máis Provincia da Deputación de Pontevedra
Laura Moure/Silleda
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, participará hoxe, xoves, no encontro “Just Game. A mocidade, forza motriz para a igualdade”, organizado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). O evento reunirá este xoves en Santiago de Compostela a alcaldesas e concelleiras de distintos puntos de Galicia para abordar os retos da igualdade desde a perspectiva da mocidade.
Fernández Pena compartirá mesa con outras alcaldesas galegas no debate “As alcaldesas falando dos riscos e ameazas para as mozas. Os concellos como garantes de dereitos para todas”, onde reflexionarán sobre os estereotipos e dificultades que seguen condicionando ás mulleres novas, así como o papel das administracións locais na promoción da igualdade.
Xunto á alcaldesa de Silleda, intervirán Cristina Cid Fernández (Allariz), Marián Ferreiro Díaz (Narón), Uxía Oviedo de Dios (Maceda) e Marisol Morandeira Morandeira (Guitiriz), nun coloquio moderado pola secretaria xeral da FEGAMP, Patricia Vilán.
A xornada contará tamén cun segundo debate protagonizado por concelleiras de distintos municipios, que exporán boas prácticas en igualdade con foco na mocidade. O evento abrirase ás 10:00 horas coa intervención da alcaldesa da Coruña e vicepresidenta da FEMP, Inés Rey García, e da alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta da FEGAMP, María Barral Varela. Fernández Pena agradece a invitación que permite situar a Silleda no centro de debate sobre a importancia de seguir implicando ás administracións locais na construción dunha sociedade máis igualitaria, especialmente entre a mocidade, onde os estereotipos e desigualdades seguen moi presentes.
Por outra banda, o Concello de Silleda contará cun total de 7 persoas como novas operarias por un periodo de 9 meses. Esta contratación levarase a cabo a través da Liña 3 do programa Máis Provincia, da Deputación de Pontevedra, organismo que vén financiando nos últimos anos esta iniciativa de contratación, no marco da loita contra o desemprego. En total a subvención outorgada para estas contracións ascende a 120.501,36 euros.
Para este exercicio, a oferta inclúe tres prazas de operarios varredores/as; outras dúas de operarios/as de bacheo; e 2 para operarios/as de servizos básicos, para a realización de tarefas vinculadas ao plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais do ano en curso. Estes foron os postos solicitados polo Concello de Silleda a través deste plan dentro da chamada liña 3. Este persoal, outorgado a todos os Concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, dedicarase no caso de Silleda ao desenvolvemento dun plan obras e servizos nos vindeiros meses.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar as bases que rexerán no proceso de selección destas persoas, e que se realizará ao igual que se vén realizando nos últimos anos a través do Servizo Galego de Colocación, (Oficina de Emprego), que enviará aos candidatos/as para realizar despois no Concello un concurso de méritos e entrevistas. Estes contratos laborais serán a tempo completo, de37,5 horas semanais.
Unha vez remitida a través da Oficina de Emprego a lista de persoas candidatas, procederase a realización das probas estipuladas nas bases. “Un ano máis volvemos a contar con personal a través deste programa, unha medida que ademais de contribuir a creación de emprego no noso municipio tamén vén a mellorar a prestación de servizos á nosa veciñanza”, engade a alcaldesa, Paula Fernández Pena.







Comentarios