top of page

A AED supera por cuarto ano as insercións laborais establecidas pola Xunta para o PIE

Un total de 87 usuarios atoparon traballo ao longo do programa, dos cales 53 cumpren os requisitos para ser contabilizados como inserción


Laura Moure/Deza

A Asociación de Empresari@s de Deza (AED) acaba de superar por cuarto ano a cifra mínima de 45 insercións laborais establecida pola Xunta de Galicia para considerar

cumpridos os obxectivos do Programa Integrado de Emprego (PIE), do que se beneficiaron un cento de usuarios/as de diferentes colectivos: persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, menores de 30 anos con baixa cualificación, maiores de 45 anos, menores de 30 anos cualificados, parados de longa duración e mulleres en xeral.

O balance provisional a día de hoxe acredita que un total de 87 persoas atoparon algún traballo ao longo do programa, das cales 53 cumpren os requisitos para ser contabilizadas como inserción laboral, é dicir, traballaron un mínimo de tres meses por conta allea ou un mínimo de seis meses por conta propia.


Polo tanto, a AED xa superou en oito persoas a cifra mínima estipulada, se ben esta cantidade podería incrementarse polo menos ata as 64 insercións válidas se as contratacións recentemente confirmadas polos/as usuarios/as non finalizan antes do esperado ou se algún dos usuarios/as que aínda non está a traballar comunica a súa contratación.


O presidente da AED, David Campos, resalta que “este novo cumprimento dos índices de inserción laboral acredita o gran labor que se está a realizar desde a AED como entidade dinamizadora do mercado laboral na comarca e a gran importancia da formación para favorecer a empregabilidade”.


Precisamente, durante a execución do programa leváronse a cabo tanto accións formativas individuais como grupais. Nas sesións personalizadas ofreceuse asesoramento individual a cada usuario/a a partir da súa formación, experiencia, aptitudes e destrezas, axudándoos a elaborar o seu currículo e acompañándoos en todo o proceso de búsqueda de traballo. Ademais, a AED puxo a disposición dos participantes as súas instalacións e todo os seus recursos e medios técnicos.


945 horas de formación grupal

En canto á formación grupal, impartíronse un total de 945 horas de clases, tanto presenciais como online, das cales 735 horas correspondían a formación do Catálogo SEPE (áreas de informática e novas tecnoloxías, inglés, administración, almacén e loxística, e comercio) e outras 210 horas de formación complementaria: carretilleiro, prevención de riscos laborais, manipulador de alimentos, acompañante de transporte escolar, obradoiros de lexislación laboral e autoemprego, mellora das habilidades persoais na busca de emprego, igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, etc.

Neste PIE 2021-22, o alumnado puido beneficiarse dun servizo de conciliación para poder asistir ás accións formativas grupais e, ademais, creouse a plataforma “Axenda Dixital AEDeza 2021-22” para facilitar a comunicación dixital e o intercambio de materiais entre os docentes e os usuarios/as. Desde a AED xestionóuselle tamén ao alumnado a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas da contorna que estaban relacionadas coa formación que estaban a cursar dentro do PIE ou que dalgún xeito se axustaban aos seus perfís profesionais.


O Programa Integrado de Emprego da Asociación de Empresari@s de Deza 2021-2022 foi financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

0 comentarios

Commenti


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page