A AED organiza hoxe na Praza da Igrexa varias actividades para pechar a campaña “Volta ao Cole”
Os comercios asociados repartirán os tickets para subir a un rocódromo, xogar ao futbolín ou degustar flocos de millo
Laura Moure/Deza
A Asociación de Empresari@s de Deza (AED) porá fin hoxe, venres, á campaña comercial da "Volta ao cole” coa organización de diferentes actividades lúdicas na Praza da Igrexa entre as 16:30 e as 20:30 horas. Os comercios asociados serán os encargados de repartir tickets entre os seus clientes para poder subir a un rocódromo, xogar ao futbolín ou conseguir paquetes de flocos de millo.

Con estas accións remata a campaña da “Volta ao Cole”, na que a AED repartiu rifas para sortear un total de 40 vales de compra de 50 euros cada un. Os dous primeiros sorteos realizáronse os pasados días 13 e 20, respectivamente, e o último, no que se sortearán 20 vales de compra de 50 euros, efectuarase o vindeiro día 4 de outubro, entrando as rifas correspondentes ás compras efectuadas do 19 ao 30 de setembro.
Curso de prevención de riscos laborais
Por outra banda, a AED mantén aberto o prazo de matrícula para cubrir al últimas prazas vacantes no curso de nivel básico de Prevención de Riscos Laborais (PRL) orientado a empregados de talleres de reparación de vehículos, autónomos e desempregados que comeza este sábado e que se impartirá tamén os sábados 8, 15 e 22 de outubro sempre en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Esta formación, que terá unha duración de 50 horas, conxugará as clases presenciais (20 horas) coas telemáticas (30 horas). É bonificable a través das cotas da Seguridade Social e con ela os traballadores dos talleres cubren as esixencias formativas específicas para o seu oficio e pasan a ser “recurso preventivo”. As persoas interesadas en matricularse no curso deben contactar co Departamento de Formación da AED chamando ao teléfono 986 78 70 91 ou enviar un email ao enderezo asociacion@aedeza.com