Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A AED lanza dúas campañas en novembro para dinamizar a actividade do comercio e a hostalaría

41 comercios, por unha compra mínima de 150 euros, entregarán un vale por un cocido para degustalo en 12 restaurantes colaboradores desde o 1 ao 21 de novembro


Laura Moure/Deza

A Asociación de Empresari@s de Deza, o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín e a Comisión de Hostalaría presentaron este venres dúas “ambiciosas campañas” que desenvolverán durante o mes de novembro e que implicarán directamente a máis de medio cento de establecementos dos sectores do comercio e a hostalaría. En concreto, foron explicadas polo presidente da AED, Antonio Lamas, o vogal da hostalaría, Álex Iglesias, a secretaria técnica, Chus García, e a concelleira de Comercio, Karen Fernández.


A primeira das campañas, denominada O comercio de Lalín convídate a un cocido, que quedara aprazada o ano pasado debido á Covid-19, desenvolverase do 1 ao 21 de novembro e consistirá en que un total de 41 comercios asociados á AED, por unha compra mínima de 150 euros, entregaranlle aos clientes un vale por un cocido para degustalo nos seguintes restaurantes: Bar O Polo, Cabanas Restaurante, Casa Achacán, Casa Currás, Casa Sanmartín, El Rincón de la Mariposa, Hotel Restaurante Pontiñas, Pazo de Bendoiro, Pensión Las Palmeras e Restaurante Casa do Patrón.

Iglesias, Fernández, Lamas e García durante a presentación.

Esta promoción, que se divulgará en toda Galicia mediante spots publicitarios na TVG protagonizados polo reporteiro Quique Morales, funcionará coa seguinte mecánica: cando unha persoa gaste 150 euros nunha soa compra nun dos 41 comercios participantes, entregaranlle un vale por un cocido para canxealo nos citados 12 restaurantes, previa chamada para reservar. Segundo consta nas bases, publicadas na web www.aedeza.gal, establécese un máximo de dous cocidos de balde por compra, é dicir, aínda que a compra supere os 450 euros, o comercio non entregará máis de dous vales de cocido.


O presidente da AED, Antonio Lamas, precisou que “os comerciantes asumirán 20 euros do custo deses cocidos de agasallo, mentres que a diferencia co prezo que poida haber no restaurante elixido será asumida polo restaurante, como aportación a esta campaña”.


Por outra banda, no marco desta mesma campaña, os clientes que acudan aos 12 restaurantes colaboradores a xantar ou cear directamente -é dicir, sen ser para canxear o vale do cocido- recibirán un vale por importe de 10 euros para canxear en 44 comercios asociados á AED por cada compra mínima de 60 euros. Esta promoción, que non é acumulable con outras que o comercio poida ter en vigor, establece que como máximo admitiranse dous vales de 10 euros para unha única compra superior a 120 euros.


En referencia a esta “ambiciosa acción promocional”, Antonio Lamas salientou “a importancia de implicar directamente aos sectores do comercio e a hostalaría nunha campaña conxunta que vai repercutir beneficiosamente en ambas actividades”. Xunto con Lamas, no acto de presentación estiveron presentes o vogal e presidente da Comisión de Hostalaría, Álex Iglesias; e a concelleira de Comercio de Lalín, Karen Fernández.


I Ruta e Concurso de Tapas do Outono

A segunda das campañas promovidas pola AED e a Sección de Hostalaría no mes de novembro será a I Ruta e Concurso de Tapas do Outono, que se celebrará do 4 ao 14 de novembro e que contará con13 establecementos participantes: Alola, A de Jácome, Bar O Polo, Cabanas Restaurante, Café Bar Siglo XXI, Casa Achacán, Casa Currás, Casa Sanmartín, Nigiri de Kontike, O Café de Mili, Pazo de Bendoiro, Pensión Las Palmeras e Restaurante La Molinera.


Nesta ocasión, o prezo das tapas será de 1,70 euros -bebida aparte- e o sistema de votación realizarase única e exclusivamente a través da app “Rutappa”, que os clientes poderán descargar gratuitamente tanto desde Google Play como desde Apple Store. O vindeiro mércores quedará activada nesta app a I Ruta e Concurso de Tapas do Outono e desde o xoves os usuarios poderán emitir un só voto por cada tapa -cunha puntuación do 1 ao 5- insertando un código que lle aportarán en cada establecemento.


Ao respecto, Antonio Lamas precisou que “trátase dunha aplicación específica para a organización de concursos de tapas, que xa foi utilizada en máis dun cento de rutas e que incluso permite filtrar posibles votos inadecuados, como os que se emitan co código correcto pero sen estar no propio establecemento”.


En canto aos clientes, aqueles que realicen integramente a ruta e consuman e voten as 13 tapas entrarán nun sorteo de 10 vales de compra por importe de 50 euros cada un para canxear na hostalaría asociada á AED.




16 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE