Laura Moure
O presidente da Asociación de Empresarios de Deza (AED), Antonio Lamas, e a secretaria técnica, Chus García, mantiveron na tarde de onte unha reunión cunha representación do sector da hostalaría de Lalín na que acordaron iniciar os trámites burocráticos para crear unha Comisión de Hostalaría no seo da AED, “que poida funcionar con certa autonomía á hora de defender os intereses do sector, pero sempre baixo o paraugas da AED e da súa xunta directiva”.
Asistentes á reunión. Foto: AED
O primeiro deses trámites será informarse sobre a necesidade de modificar os estatutos da asociación para acoller dita comisión a todos os efectos xurídicos, de representación e operativos. Segundo o acordado, o órgano de goberno da comisión estará conformado por seis membros: Álex Iglesias, de Cabanas Restaurante (presidente); Angélica Martínez, de El Rincón de la Mariposa (vicepresidenta); e como vogais, Luis Alberto Guerreiro, de Pensión Las Palmeras; Cristina Sanmartín, de Casa Sanmartín; José Ramón García, de Hotel Restaurante Villanueva; e Jorge Silva, de Pub Fetiche. Cómpre lembrar que Álex Iglesias e Luis Alberto Guerreiro, que xa pertenecían á directiva da AED como representantes do sector hostaleiro, seguirán mantendo os seus cargos, agora como representantes desta nova comisión.
Entre os cometidos da Comisión de Hostalaría atópanse a defensa dos intereses xerais do sector, a representación e interlocución coas administracións públicas, o desenvolvemento de iniciativas de fomento da competitividade dos negocios do sector como formación, novas tecnoloxías, asesoramento, etc., a definición dunha imaxe de calidade e a activación de estratexias de marketing, e a sinatura de acordos de colaboración con diferentes entidades que permitan ofrecer un mellor servizo aos asociados.
O presidente da Comisión de Hostalaría, Álex Iglesias, anunciou que para mañá pola tarde xa está prevista unha reunión de traballo co alcalde de Lalín, José Crespo, para presentarse como novo colectivo, trasladarlle as inquedanzas do sector, ofrecerse “para mellorar a interlocución cos negocios da hostalaría e buscar novas vías de colaboración” e para facerlle seguimento aos avances na tramitación das axudas municipais prometidas ao sector. Por outra banda, desde a comisión tamén abordarán a posibilidade de sumarse a iniciativas “de presión” de ámbito supramunicipal para visibilizar “o descontento do sector coas restricións impostas” e a “continua demonización da hostalaría respecto da propagación da Covid-19”.
コメント