Laura Moure
A Asociación de Empresarios de Deza (AED) alerta a todos os seus asociados e á poboación en xeral de que un grupo de máis de 10 individuos, predominantemente de orixe anglosaxón, pero algún deles de fala galega, están a intentar cometer estafas na comarca a través do denominado “timo do asfalto”, cunha metodoloxía xa identificada noutros puntos de España desde o ano 2014. A mecánica do “timo do asfalto” consiste en ofrecer a realización de traballos de asfaltado a prezos moi por debaixo das tarifas habituais do mercado, aducindo que se trata de material sobrante do asfaltado dalgunha vía pública ou obra cercana, tratándose en realidade de material de moi baixa calidade.

Antonio Lamas. Foto: AED
Nun primeiro momento, os estafadores realizan parte do traballo de asfaltado, pero esixen o pago íntegro da cantidade acordada, para non volver aparecer para rematar o servizo pactado. O presidente da AED, Antonio Lamas, avisa que, segundo informacións recibidas da Policía Nacional, que mantén abertas as investigacións, xa se rexistrou algún caso desta estafa en Lalín, polo que avisa “a calquera veciño e empresario de que se absteñan de facer negocios con cidadáns de procedencia anglosaxona que acudan ofrecendo dito servizo de asfaltado a prezos sospeitosos e esixindo pagos inmediatos”. “Ademais de cobrar polos traballos non finalizados, con materiais que distan da calidade prometida, está constatado que os estafadores son capaces de manipular aos clientes de tal maneira que chegan a convencelos de que os metros de asfalto contratados son moitos máis dos realmente existentes”, advirte Lamas.
Commentaires