Persoal das subdelegacións do Goberno desprazarase aos concellos de ata 8.000 habitantes para informar dos trámites que se poden facer desde a casa
Ecos da Comarca/Xeral
O programa A Administración preto de ti do Goberno, que chegou nos últimos meses aos distintos concellos das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, sumará os servizos da Dirección Xeral de Tráfico aos procedementos que achega á poboación dos pequenos concellos.
Este programa de formación cidadá ofrecía ata o de agora asesoramento sobre os procedementos electrónicos da Administración Xeral do Estado, a Seguridade Social e o Servizo Público de Emprego (SEPE). Agora tamén se incorporan os trámites que xestiona a DXT relacionados, por exemplo, con permisos de circulación ou coa propiedade de vehículos, incluíndo operacións de duplicado de permisos de circulación, baixas, cambios de domicilio e transferencias entre particulares incluídos vehículos agrícolas.
A Delegación do Goberno en Galicia e as catro subdelegacións provinciais xa traballan na segunda fase do programa A Administración preto de ti. Esta nova fase contempla a realización de actividades presenciais, nas que persoal dos distintos servizos explica como relacionarse dixitalmente coa Administración Xeral do Estado, a Seguridade Social, o SEPE e, agora, Tráfico.
Nestas sesións, a cidadanía poder obter, ademais, o certificado dixital imprescindible para a identificación electrónica ante a Administración e aprender a usalo para as súas xestións máis habituais.
Adhesión previa
Durante estas semanas, as subdelegacións do Goberno están a trasladar aos concellos de poboación inferior a 8.000 habitantes de Galicia a posta en marcha da segunda fase deste programa. A participación dos concellos na mesma esixe a súa adhesión previa ao convenio marco asinado entre o Ministerio de Política Territorial e a Federación Española de Municipios e Provincias.
O programa A Administración preto de ti, do Ministerio de Política Territorial, forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e ten como obxectivo achegar a Administración Xeral do Estado (AGE) ao territorio e facilitar á cidadanía que vive no medio rural o acceso aos servizos públicos sen necesidade de desprazarse a outras localidades.
Na primeira fase, finalizada no mes de marzo, o programa chegou a 239 concellos de Galicia con sesións formativas ás que asistiron 4.200 persoas. Nestas sesións tramitáronse 4.057 certificados dixitais ás persoas convocadas. O persoal que se encargou destas sesións percorreu máis de 24.600 quilómetros para achegarse aos concellos seleccionados.
Comentarios