A 34ª Festa do Melindre de Melide vívese entre música, tradición e moito sabor
- Laura Moure

- 10 may
- 2 min de lectura
Esta cita festiva celebrará hoxe a súa última xornada e incluirá o pregón de Xosé Luís López Vila
Laura Moure/Melide
Melide vivíu este sábado a primeira xornada da 34 edición da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, unha cita declarada Festa de Interese Turístico Galego, e que organiza o Concello de Melide desde 1991 coa colaboración das pastelerías e panaderías locais que abastecen de produto esta celebración.

A festa, que pon en valor o oficio dos doceiros e doceiras e a tradición da repostaría artesanal melidense, ten o seu epicentro no Cantón de San Roque, onde se sitúan os diferentes postos de venda. A feira continuará hoxe, domingo, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:00 horas. Participan seis postos de reposteiros locais e outros doce ‘stands’ de produtos relacionados coa gastronomía e a tradición doce da festa.
A programación de onte incluíu animación musical coa Charanga Achicoria e Herba Grileira. Ademais celebrouse o obradoiro infantil “Coas mans na masa”, impartido por Mary Mosteiro, que achegou á cativada a tradición da repostaría melidense a través de diferentes elaboracións inspiradas nos doces típicos da festa.
PUBLICIDADE
A programación continuou pola tarde cunha maridaxe de viños e doces a cargo de Martín Ribeirao, profesional do mundo do viño; así como cun showcooking do chef pasteleiro e docente Manuel Garea, embaixador da 30 edición da festa.
A primeira xornada pechouse coa actuación musical de Herba Grileira na Praza das Coles.
Hoxe, domingo, celebrarase o acto oficial de inauguración da festa e a lectura do pregón, ás 12:00 horas no Cantón de San Roque. Tras a benvida do tenente de alcalde, Xosé Igrexas, terá lugar a entrega de diplomas aos Embaixadores e Embaixadoras do Melindre deste ano: Pilar López, Asetem e Xosé Luís López Vila, encargado tamén da lectura do pregón. A entrega correrá a cargo do alcalde de Melide, José Manuel Pérez; do tenente de alcalde e da concelleira de Cultura, Ana Mosteiro.
PUBLICIDADE
No acto intervirán, ademais do rexedor, o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas Corral e o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde Alonso; previamente á lectura do pregón.








Comentarios