A 30ª Festa do Melindre de Melide presentarase o vindeiro xoves no Mercado de Abastos de Santiago
- Laura Moure
- 1 abr 2022
- 2 Min. de lectura
Incluirá un café solidario con melindres ao prezo de dous euros cuxa recadación que se destinará en axuda directa ao pobo ucraíno
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide presentará o vindeiro xoves, 7 de abril, o 30 aniversario da Festa do melindre e da repostaría tradicional de Melide, que terá lugar os días 7 e 8 de maio, con actividades previas desde o xoves 28 de abril. O acto terá lugar na aula gastrocultural do Mercado de Abastos de Santiago a partires das 12:00 horas e e estará precedido desde as 10:30 horas dun café solidario con melindres ao prezo de dous euros cuxa recadación que se destinará en axuda directa ao pobo ucraíno a través da ONG Itínera Faciendo Nenos de Ucraína en Galicia. Nos actos colaborarán cedendo produto a Asociación de repostaría tradicional Melide Terra Doce, o café Arraigos de Melide, e as entidades Coffee Spirit e CLUN, cooperativas lácteas unidas.
Entre as novidades que se avanzan para 30 aniversario, atópase unha exposición conmemorativa das tres décadas de evento con paneis informativos e fotográficos, que se inaugurará en Melide o venres 29 de abril.

O programa completo da trixésima edición da festa presentarase oficialmente logo de ter xa realizado diferentes actividades de promoción previa durante os meses de setembro a marzo por toda Galicia que formaron parte da programación e consistiron en diferentes obradoiros impartidos por Alberto Rodríguez, presidente da Asociación de repostaría tradicional Melide Terra Doce, así como varias catas e maridaxes en colaboración co Consello Regulador da II.XX das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Visitáronse os centros de formación CIFP Compostela en Lamas de Abade, o Belarmino Fernández no concello de Sober, a EFA A Cancela e As Neves, e a EFA Piñeiral de Arzúa.
Ademais, realizáronse promocións do evento e do produto coa presenza en feiras como FESTUR en Silleda, Xantar Expourense, a Festa do Queixo de Arzúa, ou no programa Quen anda aí da CRTVG.
A Concellería de Promoción Económica continuará anunciando nas próximas datas as seguintes actividades da promoción da festa máis doce de Galicia.
Commenti