A 11ª edición do festival palense Son d’Aldea terá lugar o 2 e 3 de setembro en Santiago de Albá
Durante dous días os asistentes poderán desfrutar de gran variedade de actividades, como actuacións musicais, rutas teatralizadas ou conferencias
Laura Moure/Palas de Rei
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves no Parladoiro de Arqueixal de Palas de Rei na presentación da undécima edición de Son d’Aldea, que recrea como era a vida do rural nos anos 40 e 50. Este festival, que terá lugar o 2 e 3 de setembro na parroquia de Santiago de Albá, conta coa colaboración da Deputación de Lugo para a difusión das súas actividades a través do Servizo de Audiovisuais. No acto participou o presidente da Asociación Son D’Aldea, Luis Arqueixal; o coordinador das xornadas, Santiago Prado; e o tenente de Alcalde da localidade, Amando Sande, ademais doutros membros da organización.

“Este encontro permite vivir unha experiencia única, lembrando como era antes a vida nas nosas aldeas, cando o rural era o motor da nosa economía e da nosa tradición; e reivindicar así todo o potencial que temos”, salientou a Deputada, quen puxo en valor neste sentido o traballo que desenvolve a propia Deputación en colaboración cos concellos da provincia para impulsar o rural dotando de máis e mellores servizos á veciñanza e dinamizando a economía e o emprego en sectores estratéxicos, como o primario e o turismo.
García Porto explicou que “dende a Deputación quixemos estar a carón desta cita e darlle visibilidade. Por iso, a través do Servizo de Audiovisuais provincial, apostamos pola difusión do evento achegándoo a máis xente e permitindo unha maior visibilidade para unha cita incomparable”.
Programa
Durante dous días os asistentes poderán desfrutar de gran variedade de actividades, como actuacións musicais, rutas teatralizadas ou conferencias. Para a reserva de prazas e maior información pódese solicitar mediante Whatsapp no número de teléfono 613 330 607.
A programación é a seguinte:
Venres 2 de setembro: - 17:00 Parladoiro: Música e Desenvolvemento Rural coa participación de Isidoro Rodríguez Pérez e Bruno Villamor Gay. - 19:30 horas: Presentación dos libros: O gaiteiro de Santo, de Burno Villamor Gay e A gaita na Terra de Melide, de Suso Ascariz. - 20:00 horas: Presentación dos libros: Son D’Aldea 2015 e Son D’Aldea 2021 - 20:30 horas: Actuación do grupo Iseo A Moura - 21:30 horas: Cea na aldea
Sábado 3 de setembro: - 10:00 horas: Roteiro teatral - 15:00 horas: Xantar na Aldea - 17:00 horas: Xogos Populares - 19:00 horas: Actuación do grupo Zoelas - 20:00 horas: Concerto de Leirabuxo