Laura Moure/Touro
Hai lugares que xa namoran a simple vista e que con só darse unha volta por eles contribúen a desconectar e a recargar as pilas. Desta volta, ECOS DA COMARCA deuse un paseo pola área recreativa da Santaia, que se atopa en Touro, concretamente cerca do núcleo de Fonte Díaz.
Este é un lugar idóneo para desfrutar dunha xornada entre familiares ou amigos, xa que está equipada con barbacoas, mesas, bancos e un marabilloso paseo fluvial. E mentres paseas por aí podes escoitar o ruído do río mentres camiñas á beira del aumentando a sensación de tranquilidade. Tamén hai un muíño, ademais dunha carballeira. Desde aquí comeza a coñecida como Ruta dos Tres Ríos, que tamén merece a pena coñecer.
Cabe mencionar que esta área é o escenario do festival Folk in Río, unha cita que xa está moi consolidada e que cada ano reúne a distintos grupos e a gran cantidade de xente, que acude a desfrutar da romaría e dunha comida campestre neste fantástico lugar.
Podedes facervos unha idea deste lugar premendo no vídeo, pero sobre todo, convidámosvos a dar un paseo por alí.
Fonte: Ecos da Comarca
Comments