60 desaloxados e 4 trasladados por inhalación de fume nun incendio no sanatorio da Robleda, no Pino
Trátase do segundo lume rexistrado neste centro en menos de dous meses
Ecos da Comarca/Arzúa
Esta noite orixinouse un novo incendio no Sanatorio La Robleda, de Castrofeito, O Pino. O 112 Galicia deu o aviso pasados uns minutos da 1:00 horas.

Tal e como informan os Bombeiros de Arzúa o lume foi "provocado nunha habitación da primeira planta. Houbo 60 desaloxados e catro trasladados por inhalación de fume ao hospital clínico de Santiago con carácter leve".
O lume, tamén como indican os bombeiros, quedou controlado sobre as 2:00 horas, aínda que as tarefas de ventilación de fume duraron ata as 4:30 horas.
En concreto, tal e como puntualiza o 112 Galicia os pacientes trasladados ao Hospital Clínico de Santiago foron os da habitación afectada e a contigua, así como tres enfermeiros do centro, mentres que o resto tiveron que ser evacuados e aloxados noutra área das instalacións.
O persoal do sanatorio, situado na parroquia de Castrofeito, en O Pino, deu a voz de alarma ao 112 Galicia pasada a 1:00 horas da mañá. Xa dende un primeiro momento apuntaban á posibilidade dalgunha persoa ferida, polo que foron eles mesmos os que decidiron evacuar aos sesenta ocupantes do nivel baixo do edificio de maneira preventiva. Pola súa parte, os pacientes do primeiro andar non tiveron que abandonalo.
Medios
Desde o 112 solicitouse a colaboración tanto de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como dos Bombeiros de Arzúa e dos axentes da Garda Civil. Unha vez no lugar, os bombeiros extinguiron as lapas en cuestión de minutos e procederon a ventilar a zona, visiblemente afectada polo fume, e a recolocar aos pacientes noutros espazos dentro das instalacións.
Así, aínda que nos primeiros intres parecía que tódalas persoas resultaran ilesas, esas tiveron que ser finalmente trasladadas polos servizos sanitarios por inhalación de fume.
Cabe mencionar que o pasado agosto prendera lume nun colchón deste centro. A noticia dese día no enlace: