top of page

150 profesionais do servizo contra incendios recibe formación sobre o manexo dos equipos multifunción Batracio

Será a través de seis cursos -un dos cales xa tivo lugar- que se desenvolverán na nave de Botos (Lalín), utilizada como taller mecanizado centralizado e centro loxístico para o parque móbil da Dirección Xeral de Defensa do Monte


Ecos da Comarca/Xeral

Uns 150 integrantes do Servizo de Prevención e defensa contra incendios forestais da Xunta (SPIF) recibirán formación específica sobre o funcionamento e manexo dos equipos Batracio, unhas unidades formadas por tractor, cisterna, trituradora multifunción e polidozer –lámina multifunción– que foron ideados e desenvolvidos de xeito pioneiro polo propio persoal do servizo galego.

Será a través de seis cursos -un dos cales xa tivo lugar a finais do pasado mes de xaneiro- na nave da Consellería do Medio Rural no polígono de Botos, en Lalín, que se utiliza como taller mecanizado centralizado e centro loxístico para o parque móbil da Dirección Xeral de Defensa do Monte.


Publicidade

Cada edición destas actividades formativas contará coa participación de arredor de 25 profesionais de diferentes categorías do SPIF, fundamentalmente peóns, xefes de brigada e condutores de motobomba. O curso, impartido por nove instrutores do propio SPIF e da empresa subministradora dos equipos, prolóngase ao longo de tres días, cun total de 22 horas lectivas.


O programa aborda tanto os aspectos teóricos como prácticos en relación ao funcionamento, manexo e normas de seguridade destas unidades. Distínguese entre o propio tractor e os diferentes complementos que incorpora o Batracio (coitela, trituradora e cisterna). Así, todos os alumnos, xuntos, recibirán a formación teórica e sobre resolución de posibles incidencias.


Publicidade

Por outra banda, formaranse grupos duns oito participantes para as prácticas en diferentes escenarios, que inclúen, entre outras casuísticas, a carga e descarga de cisterna no río, así como o manexo de bomba e canón contra incendios.


O SPIF dispón actualmente dun total de 14 batracios, distribuídos entre diversos distritos forestais e que teñen unha gran utilidade en tarefas preventivas, garantindo unha maior eficacia e sendo especialmente versátiles para moverse polo monte.




0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page