top of page

1.150 euros en premios no 'Carnabares' da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda

Estes son aportados polo Concello para gastar no comercio local mentres que o colectivo agasallará con dúas cestas donadas pola propia asociación de "caprichos de Entroido"


Laura Moure/Silleda

A Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS) pon en marcha novamente a campaña Carnabares enfocada á dinamización da súa hostalaría neste Entroido 2023. Todos os establecementos de hostalaría que así o desexen poderán adscribirse solicitando á asociación vía email (ecoscomerciosilleda@gmail.com) o cartaz da campaña que funcionará para o púbico como indicativo de que ese local participa do evento.


Con isto, do venres 17 ao martes 21 de febreiro, o establecemento comprométese a ofrecer tapas con temática de Entroido de balde coas consumición e a habilitar un pequeno recuncho do local que funcionará como telón de fondo para os posados das fotos dos concursantes.

Silvia López (presidenta de ECOS), Estefanía Fernández (Secretaria ), e Isabel Núñez (Tesoreira), posan co cartaz da campaña CarnaBares 2023 na plaza do Sr. Afranio

Desde o colectivo convocarán e animarán á xente a disfrazarse durante todos eses días, acudir a degustar as tapas da hostalaría local e posar nos establecementos amosando o seu disfraz. Esa foto deben subila ao Instagram e usar o hashtag #carnabares2023 para que desde o perfil de Instagram de ECOS poidan localizala e compartila e que así os concursantes opten aos premios.


A directiva deste colectivo silledense confía en que, coma o ano pasado, "haxa una alta participación e expectación e se volva a dar a viralización dalgunhas das fotos dos concursantes axudando tamén así a dar visibilidade en redes aos establecementos hostaleiros de Silleda e da Bandeira".

Os premios a repartir nesta edición do CarnaBares son os seguintes:

  • 500 euros: Primeiro premio colectivo.

  • 250 euros: Primeiro premio individual.

  • 300 euros: Segundo premio colectivo.

  • 100 euros: Segundo premio individual.

  • Cesta de caprichos de Entroido para o terceiro premio individual - Agasallo donado pola propia asociación.

  • Cesta de caprichos de Entroido para o Terceiro premio colectivo - Agasallo donado tamén por este colectivo.

Aberto a toda a hostalaría do municipio A votación será popular mediante número de likes acadados no perfil de Instagram de ECOS. "Os premios económicos son donados polo Concello de Silleda polo que este concurso está aberto a toda a hostalaría (asociada ou non) e son vales para gastar en todo o comercio de Silleda (non so nos establecementos ECOS)", recalca a asociación.

Outras iniciativas

O domingo de Entroido ECOS poñera o seu grao de area na primeira edición do Entroido dos Baldreus e o Demo de Carboeiro cunha participación económica para o disfrute dos asistentes ao "Diantre de Grella", un xantar popular que terá lugar na carpa instalada na Praza da Feira Vella de Silleda.

ECOS agradece un ano máis o apoio do Concello de Silleda para esta campaña e a todos os colectivos promotores do Domingo de Baldreus e confía en que a edición CarnaBares 2023 "sexa todo un éxito e que moita xente se anime a visitar a oferta hostaleira da vila disfrazados recuperando, pouco a pouco, agora que xa non hai restriccións por tema Covid, o esplendor do que o Entroido de Silleda sempre gozou".

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page