top of page
Foto del escritorLaura Moure / IsmaelRS

Éxito de participación e vendas na 32ª Festa do Melindre de Melide

Laura Moure/IsmaelRS/Melide

Melide celebrou esta fin de semana os días grandes da súa 32ª edición da Festa do Melindre e da repostaría tradicional Terra de Melide. Foi todo un éxito de participación, como afirman dende a organización. ECOS DA COMARCA tamén estivemos alí o domingo e nos vindeiros días publicaremos VÍDEO.

Asistentes á festa este domingo. Autor: Ecos da Comarca.

Na xornada do sábado tiveron especial éxito as actividades infantís do Melindriño, que repartíu por primeira vez carnets de embaixadores aos máis pequenos, e o showcooking/concerto/ degustación “Mans de Autor con produtos da Terra de Melide” con música en directo, celebrado no espazo melindre da Praza do Convento. Este acto correu a cargo de Gorka Rodríguez, chef e propietario da Pulpeira de Melide e de Pablo Pizarro, mestre de empanadas e chef de La Empanada Viajera. Gorka Rodríguez representa a cuarta xeración dunha saga de pulpeiros iniciada hai case 100 anos polo seu avó arrieiro e a súa bisavoa panadeira en Melide. Foi Cociñeiro do Ano de Galicia 2015 e está formado en recoñecidos restaurantes a nivel mundial: Mugaritz, Noma, ou o Celler de Can Roca. Pola súa banda Pablo Pizarro é o cociñeiro que converteu unha icona da gastronomía galega como é a empanada nunha receita exportable e cobizada en todos os recunchos do país, tras percorrer algunhas das máis recoñecidas cociñas de A Coruña.


Tamén animou o evento a música en directo da cantautora de Arzúa MJ Pérez, Premio Martín Códax da Música (2021) na categoría de canción de autor, finalista dos Premios Opinión da Música de Raíz (2021) coa súa canción “vai embora!”, entre outros. Mais alén do seu percorrido e recoñecementos, se algo destaca de MJ é a súa capacidade como artista e creadora.


Este domingo A Praza do Convento estaba chea de persoeiros e visitantes que quixeron achegarse ao pregón da 32ª Festa do Melindre e a repostería tradicional. A presentadora do acto, a locutora de Radio Melide María Torre deu a benvida a todos/as presentes e deu paso á entrega de Pins e Diplomas aos Embaixadores/As Do Melindre. Estes foron, Paco Veiga, quen prometeu exercer o cargo de embaixador con dignidade no seu nome e no nome da asociación de xogo popular e tradicional e outras asociación nas que participa o Museo Terra de Melide nas Xosé Manuel Broz quen falou dos pobos que pasaron por Melide, Franceses, Irmandiños… e solicitou o título de fillo adoptivo para Paco Veiga que participa e Marcial Mouzo, quen tamén participou como pregoeiro na edición deste ano.


Entregaron os pins respectivamente: Carmen Liñeira, Concelleira de Política social, Igualdade e Saúde, Xosé igrexas, Segundo Tenente de Alcalde e Concelleiro de Comercio, e José Manuel Pérez, Alcalde de Melide. Logo foi a quenda das intervencións institucionais. Comezou intervindo Xosé Manuel Merelles, Director da Axencia de Turismo de Galicia, quen destacou a satisfacción que para a Xunta supón colaborar cunha das festas declarada de interese turístico que maior prestixio ten en Galicia. “Tamén é un orgullo ver como se pon en valor a repostaría tradicional como elemento de promoción turística de Galicia, que xunto co peso do camiño de Santiago fan de Melide uns dos polos de atracción turística de Galicia. Estes elementos son un patrimonio a conservar e transmitir a xeracións futuras. En canto a situación actual da Ruta Xacobea engadiu que "estamos a bater nestes días o récord de 100.000 peregrinos, nunca antes se rexistrara unha cifra tan importante a estas alturas do ano” e rematou animando aos veciños e visitantes “que desfrutades e que volvades para desfrutar de Melide”.


Seguidamente foi a Subdelegada do Goberno María Rivas, quen tomou a palabra para comentar que “é un gusto e unha honra estar un ano máis nesta festa que cumpre a 32ª edición e que goza de moi boa saúde”, agradeceu o convite e moi especialmente aos novos embaixadores do melindre e aos veciños/as, larpeiros/as e visitantes á vila. “A repostaría tradicional, e especialmente os doces de Melide non son só un gran atractivo senón tamén unha fonte de dinamismo para a vila e a comarca”. “Un impulso para a economía, o turismo, o comercio e o emprego que medran ao redor deste evento, que medra como símbolo de identidade dun pobo que está orgulloso das súas raíces. Tradición e patrimonio que as novas xeracións teñen a responsabilidade de manter”.

Rematou felicitando á equipa que fai esta festa para que sexa cada vez máis grande.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Interviu a continuación Jose Manuel Pérez, Alcalde de Melide, quen tras agradecer a asistencia ás autoridades presentes, embaixadores e veciños, declarou que "hoxe domingo doce estamos celebrando a nosa festa máis doce”. Este xogo de palabras fai que este día sexa aínda máis acaído. “A nosa festa foi presentada hai un mes no Fórum Gastronómico da Coruña, e anunciamos moitas novidades, tamén relacionadas coa provincia. Como ben di o eslogan da deputación, A Coruña é “a provincia que sabe”, e nós desde Melide queremos aportar sempre a parte co sabor máis doce, onde o presidente dos melindreiros nos fixo unha degustación con demostración de como se fan os ricos, o doce exclusivo da terra de Melide, e por suposto, os melindres. “Este ano tivemos como digo algunha novidade moi destacada, como que aproveitando que presentamos esta 32 edición na Coruña, levamos a cabo por vez primeira accións de promoción cos Embaixadores da festa na cidade, como repartir melindres e ricos nos seus restaurantes durante os días previos, nesta primeira semana de maio. “E relacionado con iso, unha das actividades máis especiais, que temos dentro do programa foi por exemplo o showcooking, que celebramos onte á noite, por segunda vez con música en directo, cun destes embaixadores, Gorka Rodríguez, chef e propietario da Pulpeira de Melide, acompañado de Pablo Pizarro, un referente no mundo das empanadas, e amenizado con concerto da nosa veciña MJ Pérez, pois queremos apostar polo talento máis cercano, e esta rapaza teno.” Se o ano pasado falabamos do “Mar de doces” que temos en Melide cun espot que fixemos de “Melide ten mar” (M de melindres, A de amendoados e R de ricos) este ano 2024 como vedes no cartel e nos programas, a festa desenvólvese baixo o eslogan “Corazón doce”que vedes aquí diante en forma de melindre, ou máis ben o melindre que adopta a forma do corazón, eslogan que se suma ao de “O cerne de Galicia”, lema polo que se nos coñece a Melide, e ao xa instaurado da festa como “A festa máis doce de Galicia”. E que Melide ten tantas cousas que de eslogans imos ben.” “E falando das cousas que ten Melide, quero facer fincapé nos embaixadores e embaixadoras da festa, comezando polo Museo Terra de Melide, a institución que garda a nosa memoria histórica e cultural, como puxemos en todos os folletos, “construído pola vila e para a vila” e que cumpre perfectamente esta misión. E que dicir de Paco Veiga, unha persoa tanquerida en Melide, e fora de Melide. Desa xente que tería que haber en todas partes. E do noso pregoeiro, Marcial, compañeiro de traballo e de fatigas e un referente en toda Galicia e un amigo, algo do que estou ben orgulloso.”


O alcalde destacou neste sentido, que outra novidade “é que este ano ampliamos a páxina web, onde tedes a relación de todos os embaixadores desde 2012, ano no que se creou esta figura. “E estou orgulloso de consolidar, xa se pode dar por consolidado tras tres anos, os tres espazos que creamos o ano pasado para potenciar os nosos tres doces: o “Espazo Melindre”, este no que estamos, onde se fan moitos dos actos do programa, xunto con toda a rúa do Convento. O “Espazo Amendoado”, no cantón de San Roque, onde temos a feira de Artesanía de Galicia. E o “Espazo Rico”, na praza das Coles, que é a zona das actuacións musicais, e onde hoxe á tarde pecharemos a festa con Luar na Lubre”. Orgulloso das novidades, a nivel de organización e comunicación. Especialmente de continuar coa segunda edición do “Melindriño”, o nome que o ano pasado lle demos por primeira vez ás actividades para os máis pequenos, o futuro de Melide, con obradoiros pensados para eles, maxia, humor e música. E este ano todos recibirán un carnet de mini embaixadores da festa. Orgulloso dese showcooking de cociña con produtos da terra, a cargo de profesionais e artistas de Melide e veciños, e continuar coa segunda edición da música en directo. Orgulloso de colaborar coa Axencia de Doazón de Sangue e de ter recibido o seu galardón hai uns meses na cidade da cultura con motivo do seu 30º aniversario”.


O rexedor agradeceua todas as persoas e empresas que participan nas actividades, e por suposto as casas reposteiras e aos traballadores do concello. Temos máis de 35 stands en total, con postos de doces de toda Galicia e o mellor da nosa artesanía, en colaboración tamén cunha institución tan recoñecida como a fundación Artesanía de Galicia. Rematou dando paso o gardado momento do pregón e solicitando un aplauso para recibir ao seu protagonista deste ano, o popular comunicador, presentador e director do programa “Pensando en ti” da Radio Galega, en antena desde 1996, Marcial Mouzo.

Marcial Mouro durante o pregón. Ao fondo, María Torre. Autor: Ecos da Comarca.

O pregoeiro, emocionado, comezou saudando ás autoridades e asistentes, salientou a honra que supón para él por ser unha das festas con maior proxección de toda Galicia. Destacou tamén que se ben hoxe foi oficialmente nomeado como embaixador, feito que lle enche de “orgullo e satisfacción” xa viña facendo a labor de embaixador desde hai anos, porque “sempre que tiven a oportunidade de por en valor os doces de Melide, fíxeno coma un melidense máis”. Definiu os melindres, ricos e amendoados, como “unha delicia para o padal e unha sobremesa que nunca debe faltar en ningunha mesa”. Recordou os seus primeiros pasos por Melide, e “o cheiro a forno de pan e doces polas rúas mesturado con historias de radio”. Lembrou os reposteiros actuais e aos que xa non están, que entre todos “impulsaron o proxecto de renacemento da repostaría de Melide como marca de calidade, e o recoñecemento e do traballo artesán dos reposteiros dentro e fora de Galicia. Que nunca lles falte a muda xeracional para nos facer a vida máis doce co seu traballo”. Rematou afirmándose sinceiramente emocionado polo caluroso acollemento, atención e ledicia ca que recibiuse a súa intervención entre os asistentes, e convidando aos asistentes a darlle dozura ao corpo, que bastantes amarguras temos xa no mundo.

Un dos postos dos doces tradicionais. Autor: Ecos da Comarca.

O acto concluíu cun percorrido dos persoeiros e intervintes polos stands da praza e da rúa do convento, na que en palabras dalgúns produtores, foi unha das edicións máis “doces” en vendas, pois algunha das casas melindreiras superou os 10.000 ovos consumidos, superando mesmo á edición do ano pasado.


Os melindreiros redobraron esforzos na produción dos tres doces, melindres, ricos e amendoados, durante os días previos á festa para non esgotar as existencias nesta edición 2024. A tarde continou coa parte máis musical, cos concertos de Uxía Lambona e a banda molona que encheu de nenos e familias o Espazo Melindre, a praza do Convento, e o fin de festa con Luar na Lubre no Espazo Rico, na praza das Coles, tamén ateigada, coa que se pechou de forma inmellorable esta 32.ª edición.



0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page