O tenente de alcalde en funcións, Julio López, foi o encargado de presentar este evento
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
Hoxe, o Concello de Vila de Cruces levou a cabo "con gran éxito" a agardada degustación do Galo de Curral no marco da Feira Abanca Semana Verde de Silleda. O tenente de alcalde en funcións, Julio López, foi o encargado de presentar este evento que deixou un
grato sabor de boca en todos os asistentes.
A degustación do galo de corral, un dos pratos máis tradicionais e recoñecidos da nosa rexión, converteuse nun dos principais atractivos gastronómicos da Feira Semana Verde de Silleda. "Nesta edición, a acollida foi tan abrumadora que se esgotaron todas as existencias en tempo récord, o que demostra a alta demanda e o éxito deste evento", sinala o Concello cruceño.
Julio López, no seu papel de tenente de alcalde en funcións, expresou a súa satisfacción pola gran afluencia de persoas e a participación "entusiasta" na degustación. "Enorgúllecenos ver como os produtos tradicionais da nosa terra seguen despertando tanto interese e deleitando a todos os presentes. A degustación do galo de corral é unha oportunidade única para mostrar a nosa rica cultura culinaria e promover os produtos locais".
A Feira Semana Verde de Silleda é un evento de renome nacional que destaca a importancia do sector agroalimentario e promove a comercialización de produtos de calidade. A participación do Concello de Vila de Cruces neste evento reforza o compromiso da localidade coa promoción da súa gastronomía e os seus produtos autóctonos.
O Concello de Vila de Cruces agradece a todos os asistentes a súa participación nesta exitosa degustación e reafirma o seu compromiso de continuar promovendo eventos deste tipo que poñan en valor os produtos locais e a cultura culinaria da rexión.
Comments