top of page
Foto del escritorLaura Moure

"É un libro de aventuras e misterio a partes iguais, pero con moita retranca e unha pinga de medo"

"Eu tentaba que fora un transmisor para as novas xeracións de algo tan noso como é o rural e a nosa tradición lendaria, pero sen deixar de usar o humor e entreter"


Andrea García Martínez.

ENTREVISTA A ANDREA GARCÍA MARTÍNEZ, DE SIGÜEIRO QUE PRESENTARÁ O DÍA 26 O SEU PRIMEIRO LIBRO NA SOLAINA DE PILOÑO (VILA DE CRUCES)


Laura Moure/Vila de Cruces

A Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño de Vila de Cruces acollerá este sábado, 26 de agosto, a presentación do primeiro libro de Andrea García Martínez. A cita será ás 18:00 horas. Animais fantásticos de aldea é a súa primeira obra literaria que está escrita e ilustrada por ela e publicada pola editorial Xerais na colección Merlín. Andrea García ten 23 anos e naceu en Santiago de Compostela, pero vive dende nena en Sigüeiro (Oroso). Estudou ilustración na EASD Antonio Faílde e agora continúa cursando na mesma escola estudos superiores de Deseño de Interiores.

1. Dende cando escribes e debuxas?

Sempre me gustou escribir e debuxar, pero nada profesional. Foi en bacharelato cando descubrín a paixón que tiña polo debuxo e decidín facer ilustración, e xa despois, cando me orientei máis ao debuxo infantil, decidín recuperar a escrita que tanto me chamaba a atención de pequena, para facer algo conxunto entre ambas disciplinas.


2. Supoño que é unha gran satisfación sacar a túa primeira obra na que as ilustracións tamén son túas.

Non daría descrito con palabras o increíble que foi vela publicada. Foi un gran esforzo abarcar ambos campos e tentar facelo o mellor posible en ambos, pero valeu moito a pena, sobre todo cando a xente me comenta cousas sobre el, aínda me costa crer que hai persoas lendo as miñas palabras e vendo os meus debuxos.


3. Como nace Animais fantásticos de aldea?

Animais Fantásticos de aldea foi o meu proxecto final de ilustración, no que como comentei antes, me animei a combinar as dúas facetas que sempre me gustaron. Pero máis alá de iso, eu tentaba que o libro, aínda que daquela non pensaba que chegaría a onde esta hoxe, fora un transmisor para as novas xeracións de algo tan noso como é o rural e a nosa tradición lendaria, pero sen deixar de usar o humor e entreter. Hei de dicir que o conto xurdiu a partir do título, posto que para min os verdadeiros animais fantásticos son os da aldea! O demais foi xurdindo amodiño, rodeándome dun entorno que me fixera sentir como dentro do conto, o final foi o meu escape durante o confinamento.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

4. Como a definirías?

Sempre digo que os libros non teñen idade, e tentaba que este fora así, que aínda que os principais receptores son os rapaces e rapazas, que calquera que o lera se sentise participe da historia. Diría que é un libro de aventuras e misterio a partes iguais, pero con moita retranca e unha pinga de medo. Deses libros que é mellor ler a noitiña.


5. Foi complicado que unha editorial decidise publicala?

A miña experiencia persoal foi moi satisfactoria, eu apostei plenamente por Xerais porque sempre foi a miña editorial da infancia, aínda que tampouco me facía ilusións porque sabía que era moi difícil. A verdade é que mo puxeron sinxelo e foron moi amables e cercanos conmigo. Eu leveille o libro no verán de 2021 en persoa, e despois de rematar este, dixéronme que tiña calidade e que lles gustaría publicalo. Sempre me mantiveron informada e axudáronme moito neste proceso que para min era descoñecido.


6. Que significa para ti presentala na Solaina de Piloño?

A aldea é a esencia do libro, e poder darlles valor as aldeas de Galicia paréceme moi importante, e canto máis si o sitio no que presento como é a Fundación Paco Lareo tenta os mesmos obxectivos, ademais da importancia que lle dan aos actos culturais dos que o rural tamén é merecedor.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

7. Tes xa algunha outra obra en mente?

Por suposto! Só me falta ter máis tempo para todo. Gustaríame seguir coas aventuras dos personaxes deste conto, penso que aínda teñen cousas por contar. Ademais, tamén me gustaría facer algunha obra para os máis pequenos, do tipo do álbum ilustrado.


8. Gustaríache dedicarte profesionalmente ao mundo literario?

Gustaríame si. As sensacións que estou vivindo dende que se publicou o libro encantaríame seguilas experimentando. Con todo, gustaríame chegar a combinalo co mundo do deseño, que a miña outra gran paixón.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page