top of page

"É impresentable que Crespo retrase a reforma da zona da igrexa de Donramiro para o próximo mandato"

Compromiso por Lalín lembra que "o alcalde anunciou o inicio inminente desta actuación, deseñada xa polo anterior goberno, en numerosas ocasións nos últimos anos"


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, e o membro da executiva e representante da parroquia de Donramiro de CxL, Ángel Silva, cualificaron este venres de “impresentable” que o alcalde, José Crespo, decidise retrasar para o próximo mandato a execución dos traballos de rehabilitación do núcleo de Donramiro. Así llo comunicou ás veciñas e veciños que acudiron á xuntanza convocada polo actual rexedor nesa parroquia.

"Alí Crespo admitiu abertamente que “se sigue de alcalde” a actuación farase no vindeiro mandato e non neste", como estaba comprometido. “É dunha asombrosa que lle vaia aos veciños con este conto cando el mesmo reiterou en numerosas ocasións o inicio das obras”, apunta Cuiña.

A finais do ano 2020, o Concello anunciou que xa se ían activar as obras de rehabilitación; en abril do 2021, asegurou que o proxecto ía saír a concurso en semanas; en decembro dese mesmo ano, augurou que os traballos estarían rematados a finais de 2022; e a finais de 2022 asegurou que as obras empezarían en xaneiro. “Estamos a marzo de 2023 e o último que sabemos é que Crespo fai unha emenda á totalidade das súas promesas admitindo que as obras non se farán ata o vindeiro mandato”, din Cuiña e Silva.


En paralelo, recórdanlle a Crespo que ese proxecto foi deseñado polo anterior goberno, que tamén conseguiu os cartos para o seu financiamento a través dos fondos europeos DUSI. Polo tanto, “ese proxecto vaise facer sexa quen sexa o alcalde tras as eleccións de maio: a diferencia é que el foi incapaz de poñelo en marcha durante catro anos e nós imos activalo sen máis demora”.

Cuiña e Silva tamén lamentan que Crespo se escude en posibles problemas que vaia poñer Patrimonio para actuar nas casas da zona da Igrexa ou que siga insistindo machaconamente na súa intención de que o castro de Donramiro pase a ser de titularidade municipal, “algo do que leva falando dúas décadas sen facer nin un só movemento”.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Por outra banda, censuran que Crespo siga a empregar estas reunións para dar mitins do PP, eludindo as demandas concretas das parroquias. Así, “aproveita para falar de temas como o CIS, do que di que non vai estar ata despois do verán e que o primeiro paciente non entrará alí, como moi cedo, ata finais de 2023”. En consecuencia, “xa está admitindo unha demora de catro anos sobre os prazos previstos no convenio que asinei eu como alcalde coa Consellería de Sanidade”.

Nesta liña, alégranse de que “os veciños xa non traguen con todo” e que “lle botasen en cara a Crespo que falase de temas xerais e non das necesidades específicas de Donramiro”. Lamentablemente, “o actual alcalde dedicouse a cortar as preguntas dos veciños que lle resultaban incómodas e para as cales non ten resposta”.


Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page