Ángeles Vázquez pon en valor a aposta de empresas familiares como a melidense Ramón Cabado SL
- Laura Moure
- 18 ago 2024
- 2 Min. de lectura
Salienta que nos seus 70 anos de traxectoria, soubo adaptarse aos novos tempos e á necesidade de orientar o negocio ás actuais exixencias e estándares dun sector crucial para avanzar cara á neutralidade climática
Laura Moure/Melide
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou a aposta e a notable contribución que fan empresas de carácter familiar como a melidense Ramón Cabado SL para que o sector da construción en Galicia continúe avanzando e introducindo nos seus procedementos criterios de deseño sostible e eficiencia enerxética tanto en obras novas como nas de rehabilitación.

Así o puxo en valor esta tarde a responsable autonómica durante a inauguración dunha nova nave de venda de material construtivo de Ramón Cabado en Melide, localidade na que a firma comezou a súa andadura fai 70 anos e que xa vai pola súa terceira xeración.
Tras recordar que os tres irmáns que actualmente dirixen a empresa contan con formación en distintos ámbitos relacionados co sector, o que lles permite ofrecer unha visión de negocio completa e moderna, Ángeles Vázquez salientou como un dos puntos fortes de Ramón Cabado SL a súa capacidade de “adaptación” aos novos tempos e ás necesidades que van xurdindo tanto no mercado como na propia lexislación.
Neste sentido, lembrou que os estándares ambientais e enerxéticos no eido da construción son cada vez máis exixentes, en liña e sintonía tamén coas directrices que vén marcando a Unión Europea e que comparte a propia Xunta de Galicia.
Publicidade
Por iso, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de que as empresas galegas ligadas á construción teñan en conta cada vez máis o peso que deben ter os materiais sostibles e eficientes así como as fontes de enerxía renovable (solar, xeotermina, aproveitamento de biomasa) na edificación ou rehabilitación de naves, edificios e vivendas, xa que se trata dun sector clave para avanzar cara aos obxectivos de neutralidade climática.
コメント