Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Ángeles Vázquez felicita a Dozón por achegarse á media galega de reciclaxe

A titular de Medio Ambiente invita aos veciños a manter o ritmo de reciclaxe de envases de plástico, latas e briks e papel-cartón para chegar a un mínimo de 12 toneladas anuais


Laura Moure/Dozón

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, felicitou ao Concello de Dozón por achegarse á media galega de reciclaxe despois de incorporar o sistema separativo de recollida de residuos urbanos. A conselleira de Medio Ambiente visitou o municipio para coñecer a organización do operativo para fomentar a reciclaxe de envases de plástico, latas e briks e de papel-cartón entre os veciños, implantada xa no concello este ano.

Vázquez Mejuto invitou aos veciños de Dozón a manter este ritmo de reciclaxe de envases lixeiros (contedor amarelo) para acadar unha cifra anual mínima de 12 toneladas. Sinalou que “este pode parece un gran reto, pero é totalmente asumible” tendo en conta que nos dous primeiros meses do ano xa se recolleron 2,2 toneladas. Aclarou que manter este ritmo e compromiso traduciríase en que cada castrexo recicle unha media de 12 kilos ao ano, unha ducia de quilos de residuos aos que se lles volve a dar unha oportunidade.


Ángeles Vázquez indicou que este bo comportamento tamén se rexistra coa reciclaxe de vidro, un sistema implantado desde o ano 2019 en Dozón, e que xa rexistra cifras moi significativas, pois a media de reciclaxe sitúase nos 14,12 kg por habitante, o que se traduce nun aumento dun 65% no último ano. Indicou que este compromiso é extensible aos concellos da comarca, pois Agolada, A Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces tamén destacan polos seus bos datos de recollida.


Nese sentido, afirmou que tendo en conta a última cifra de recollida na comarca, a do ano 2020, rexistrouse un incremento de case un quilo por habitante de envases ao pasar de 11,93 en 2019 aos 12,68 kilos no pasado ano, é dicir un aumento dun 6,3%; mentres no caso de papel-cartón elevouse de 11,8 a 12 kilos por habitante. Segundo manifestou a conselleira detrás deste éxito está – evidentemente, a implicación dos veciños- pero tamén conta a formación e sensibilización que se foi implantando ao longo destes anos. Recoñeceu que hoxe “os galegos sabemos separar mellor en orixe e temos interiorizado que cada residuo ten o seu contedor”.


Indicou que esta formación non cesa e desde a Consellería se impulsan actividades que saltan do ámbito do fogar cara o canal Horeca, para implicar ao sector hoteleiro, da restauración e do catering nestas boas prácticas e no que na actualidade xa están integrados 165 locais da comarca do Deza. Tamén se aposta por achegarse ata onde se atopan os cidadáns máis cativos, os centros educativos, para ensinarlle á mocidade “aos herdeiros do planeta” a importancia de reciclar e dar unha nova oportunidade aos refugallos.


A conselleira de Medio Ambiente salientou que outro dos piares deste sistema é a rede de puntos de recollida instalados para facilitar que os cidadáns depositen o vidro, papel-cartón e envases lixeiros no contedor correcto. No caso de Dozón, a rede está composta por máis de 130 puntos de recollida selectiva, dos cales, 20 son para a reciclaxe de vidro, 80 son contedores amarelos de 800 litros de capacidade cada un, 32 son para a recollida de papel-cartón, cunha capacidade de 3.000 litros cada un. A conselleira recordou que esta para a implantación de contedores azuis e amarelos mobilizouse un investimento de 41.200 €, cofinanciados pola Xunta e Ecoembes, a organización ambiental sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe de envases en España.


Por último, Ángeles Vázquez salientou que dous xestos tan sinxelos, como a separación en orixe e o depósito destes refugallos no contedor correcto, son dúas ferramentas para conseguir que un concello sexa cada día máis sostible, limpo e responsable coa contorna. Indicou que hoxe os galegos saben separar mellor e dispoñen dunha rede ampla, polo que non avanzar neste obxectivo -a nivel cuantitativo e cualitativo- suporía un fracaso no eido social, económico e medio ambiental. Recordou que –neste momento- “só restan tres concellos da Comunidade por implantar a recollida de envases lixeiros e papel-cartón: Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Pedrafita do Cebreiro".

25 vistas0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE