Álex Fiuza demanda un plan municipal para achegar a mellora de acceso a internet
- ecosdacomarca
- 16 mar
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O voceiro do BNG de Vila de Cruces, demanda un plan municipal para achegar a mellora de acceso a internet. "O obxectivo principal do Plan Estratexia de Dixitalización do sector agroalimentario e forestal e do medio rural, é eliminar ou reducir as barreiras técnicas, lexislativas, económicas e formativas existentes na actualidade, contribuíndo a fixar poboación no mesmo, facendo del un entorno rural máis atractivo, vivo, dinámico e xerador de actividade e riqueza", recalca,

Así pois, apunta, que o acceso a internet de alta velocidade converteuse nun factor crucial para o desenvolvemento económico, social e persoal no rural galego. "Nos últimos anos puidemos ver grandes avances na dixitalización do concello de Vila de Cruces, chegando a fibra óptica a algúns dos núcleos rurais con máis concentración de poboación do noso concello. Con todo, aínda existen zonas que carecen da cobertura axeitada de servizo de banda ancha. A elevada dispersión xeográfica do noso rural fai que sexan moitas as casas que non teñen cobertura, ou que a cobertura é realmente deficiente nos seus fogares, lugares como: Fontearcada ou Barral en Sabrexo, Alcobre en Piloño, Xordedo en Insua, Cortegada en Loño, Balboa en Merza, Penagarfas en Salgueiros, Santomé de Obra... onde nin sequera, en moitos casos, hai liña telefónica para poder achegar a fibra".
Publicidade
E subliña que hoxe en día é imprescindible contar cunha boa cobertura para poder desenvolver a vida no rural, sexa para teletraballar, para estudar, para o lecer ou mesmamente para a actividade económica predominante no concello, a gandeira que ten que facer a inmensa maioría dos seus trámites vía internet. "Faise imprescindible un maior investimento por parte das operadoras telefónicas para dotar ao noso rural dunha maior rede de cobertura que satisfaga as necesidades das veciñas e veciños do noso concello".
Publicidade
Polo que dende o BNG de Vila de Cruces piden "unha estratexia clara para cubrir aquelas zonas do concello cunha rede de internet digna e propia do século XXI. En primeiro lugar ter coñecemento e elaborar unha listaxe das zonas sen cobertura ou con cobertura deficiente do noso concello. E en segundo lugar, instar ás operadoras de telecomunicacións que axilicen a chegada da canalización de fibra óptica ás zonas rurais que se definan na listaxe anterior".
Comments