Álex Fiuza comprométese coas traballadoras do SAF cruceño a regular a súa situación
- ecosdacomarca
- 9 mar 2023
- 2 Min. de lectura
O nacionalista tamén propón a ampliación e diversificación deste servizo
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces aposta por ampliar e diversificar a oferta de atención ás persoas maiores e velar polos dereitos das mulleres traballadoras dun sector tremendamente precarizadas. "Actualmente o servizo de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que ofrece o concello de Vila de Cruces dase a través dunha concesión privada, atendendo ao redor de 45 usuarios, e cunha lista de agarda que duplica o servizo", sinala.

O candidato do BNG comprometeuse na reunión mantida co persoal a esixir que o goberno convoque reunión da empresa coa Corporación para dar conta do estado do servizo e da situación das traballadoras.
"Débense regular as xornadas laborais e os salarios, así como a zonificación das persoas usuarias para facilitar e mellorar as condicións das traballadoras". Advirte o BNG do "maltrato laboral que sufren as traballadoras, provocado polo abandono dun goberno que non fai un seguimento dos servizos que contrata".
Poboación avellentada e creación de postos de traballo
O futuro de Vila de Cruces, apunta, tamén pasa por mellorar e ampliar os servizos, "e o BNG comprometémonos cos máis maiores, coa creación do centro de día, apoio incondicional a centros como a casa do maior, e a creación dun departamento cuxo fin sexa orientar e favorecer o autoemprego neste sector, que é unha boa saída laboral debido ao avellentamento da nosa poboación en Vila de Cruces"-
O candidato do BNG, Álex Fiuza, adiantoulle ás traballadoras que no caso de acceder á Alcaldía procurará "a viabilidade da municipalización do SAF, para así poñer fin ao descontrol e a especulación dun servizo tan fundamental para os nosos maiores". Tamén se comprometeu a crear uns orzamentos que "realmente sexan sociais, para poder ampliar a oferta de atención de persoas con dependencia, e invertir a situación actual, na que hai máis persoas en lista de agarda que atendidas", asegura o partido nacionalistas.
Comments