Ábrese o prazo de inscricións no campamento de verán do Servizo Lúdico Educativo de Silleda
- Laura Moure
- 8 may
- 1 Min. de lectura
Trátase dun servizo de conciliación familiar durante as vacacións de verán que vai dende o 23 de xuño ata o 5 de setembro
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda, a través da concellería de Igualdade, volve organizar para este verán o campamento do Servizo Lúdico Educativo, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar. O campamento terá lugar do 23 de xuño ao 5 de setembro de 2025, coincidindo coas vacacións escolares. O horario do servizo será de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

Publicidade
Coma outros anos, o campamento de verán realizarase nas instalacións do CEIP Plurilingüe de Silleda e no CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira. Poden participar todos os nenos e nenas de 3 a 12 anos (alumnado de Infantil e Primaria) empadronados no Concello de Silleda. Só se aceptarán menores non empadronados neste municipio cando existan prazas libres e non serán aplicables os descontos nas taxas, tal e como se estipula na normativa municipal ao efecto. A selección realizarase de acordo ao regulamento.
Publicidade
As persoas que queiran inscribir aos seus fillos e fillas no campamento deberano facer a través do rexistro municipal, de xeito presencial ou telematicamente. A documentación que hai que presentar atópase dispoñible na web do Concello. O prazo de solicitudes vai dende hoxe, xoves día 8 de maio, ata o venres 23 de maio.
Comentarios