Ábrese ao público interesado a participación nos intercambios de Silleda con outros países europeos
- Laura Moure
- 1 jun 2022
- 2 Min. de lectura
En agosto está previsto celebrar un novo encontro en Canejan (Francia) localidade ca que está irmandada o municipio de Silleda
Laura Moure/Silleda
O Comité para a Xestión de Proxectos Europeos no municipio de Silleda (Coxesi) en colaboración co Concello vén de abrir a todo o público interesado a participación nos intercambios con outros países europeos. A entidade creouse en maio de 2018, formando parte dela distintas asociacións e colectivos do municipio.

Agora ábrese tamén a participación a todas aquelas persoas que a título persoal queiran facerse socios/as da entidade para participar nos programas de intercambio con outras cidades de Europa. A seguinte cita será en Canejan (Francia), localidade ca que está
irmandada Silleda, cun encontro que se celebrará entre o 22 e o 29 de agosto e no que participarán tamén as localidades de Poggio Mirtetto (Italia) e de Nagykowacsi (Hungría) .
As persoas que queiran participar terán que enviar un mail a coxexi@hotmail.com Dende o Concello de Silleda que colabora con esta entidade ca que xa organizou tamén o encontro no municipio trasdezano en 2018, con veciños das localidadese irmáns de Italia e de Francia, anímase a todas as persoas interesadas a participar nunha experiencia moi beneficiosa, tamén para a xente nova, á hora de coñecer novas culturas e estilos de vida.
Certame Tardes de Primavera
Por outra banda, o certame Tardes de Primavera na Vía da Prata volta a Silleda da man da Coral Polifónica Tradeza, que vén organizando este recital dende hai máis de 30 anos. O concerto terá lugar este sábado día 4 ás 20:30 horas no Salón Parroquial de Santa Eulalia.
Nesta edición, ademais da coral anfitriona, dirixida por Manuel Molinos Rivas, participarán como formacións convidadas a Coral Polifónica de Piloño, do veciño municipio de Vila de Cruces, e a Coral Polifónica San Simón de Teo, de Santiago.
Tardes de Primavera é xa unha das clásicas citas da axenda cultural de Silleda.
Comments