Ábrense as preinscricións para a XGN Intermax 2026 que se celebrará en Silleda
A cita será do 9 ao 11 de outubro
Laura Moure/Silleda
A XGN Intermax comeza a conta atrás para a súa 26ª edición, que se celebrará do 9 ao 11 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda. E faio coa apertura de preinscricións para participar nesta cita que volverá unir as novas tecnoloxías, a informática e o lecer dixital.

Así, a maior lanparty de Galicia, xa habilitou na web www.26.xgnintermax.gal a canle
para comezar o proceso de participación. Aínda que os interesados poden realizar desde onte a preinscrición, as reservas comezarán o 15 de setembro. Será entón cando os rexistrados poderán tamén seleccionar os seus postos, o que facilitará aos participantes que acudan en grupo situarse na mesma zona da party. O prezo de participación con reserva será de 40 euros.
PUBLICIDADE
O evento contará coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet. Así, como é habitual, a Intranet, orientada a inscritos, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades
exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto, que incluirá dende obradoiros e
conferencias ata zona de videoxogos ou actividades deportivas.
En canto á dispoñibilidade destas áreas, a Intranet estará operativa para rexistrados desde o día 9 de outubro ata o 11 outubro á primeira hora da tarde, aínda que poderán acceder xa ao recinto o día 8 ás 16.00h na chamada preparty. Respecto á Extranet,
poderase acceder o 9 e 10 de outubro de 10.00h a 20.00h, de forma gratuíta.
PUBLICIDADE
Lecer e aprendizaxe a 40Gbps
Formación, entretemento e intercambio de ideas uniranse nesta edición, que contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora desta party, a través da Consellería de
Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a
esta compañía tecnolóxica galega, a cal se incorporou ao proxecto en 2024, os
participantes poderán navegar por terceira vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o
dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technology no evento.









Comentarios