ecosdacomarca

4 de dic de 20222 min.

O Partido Galego presentou onte en Melide a Antonio Díaz

Encargarase da Secretaría Local

Ecos da Comarca/Melide

O Partido Galego presentou este sábado en Melide a Antonio Díaz que se vai encargar da Secretaría Local.

Montse Almozara, membro da Executiva Nacional do PG coa área de Finanzas, foi a encargada de abrir e presentar o acto. O Coordinador Xeral Suso Ares, comezou describindo o significado que xa ten o concello de Melide para o Partido

Galego, xa que hai dous anos se fixo neste concello a presentación pública do mesmo cadrando no 500 aniversario da Xunta de Melide.

Puxo de releve os tres eixes troncais da liña ideolóxica do partido (galeguismo, ecoloxismo e rural) e incidiu "na necesaria renovación da política municipal baseada en dúas grandes liñas estratéxicas como son a transparencia municipal e a participación veciñal".

Pola súa banda, o presidente Xosé Mosquera fixo unha reflexión sobre o fondo sentimento galeguista deste partido, e nese senso recslcou que "este é un partido no que colle practicamente toda a sociedade de todos os sectores". Pon como retos de identidade da acción política "a desaparición do insulto e das discusións e leas estériles. Que un valor do PG é dado a centralidade que representamos a súa capacidade para chegar a acordos con outras forzas políticas e conseguir consensos para que a política municipal sexa realmente útil para a veciñanza".

E por último como representante da Agrupación Local, interveu o novo Secretario Local, Antonio Díaz, indicando que "Melide leva anos perdidos en disputas persoais nos grupos municipais actuais que levan a: perda de recursos, servizos, dotacións e inversións. (Máis de 6 MM de Euros, en subvencións perdidas e proxectos con partida económica aprobada e rexeitados por ser iniciativa dos rivais políticos)".

"Carencias e problemas que levan anos sen solucionarse (Depuración de augas do polígono (desde 1994), ampliación de súelo industrial, piscina climatizada pechada (desde 2019), pistas rurais sen arranxar, e en moi mal estado. Incapacidade para aprobar un Plan Xeral, que fixe os distintos usos do suelo do noso territorio".

E recalca que "Melide só ten dúas parroquias das 26 do municipio, nas que se ten completado o proceso de concentración parcelaria, o que ocasiona un lastre para a xestión das terras, para rendabilizalas mellor, en definitiva que limita as producións e por

tanto a capacidade económica da veciñanza".

Así mesmo propón unha feira e mercado anual de referencia para toda Galicia, "dado o potencial actual de produción de diferentes

produtos autóctonos e outros que se sumarían de verse a expectativa de ventas potenciadas por un evento desta dimensión".

3