Laura Moure

8 de oct de 20212 min.

Melide acollerá en marzo un seminario de defensa persoal feminina

Tamén o haberá en outras sete localidades e será gratuíto e dirixido ás persoas de 14 a 70 anos empadroadas nalgún concello da provincia da Coruña

Laura Moure/Melide

A área de Deportes da Deputación da Coruña organiza oito seminarios de defensa persoal feminina nos concellos de Ortigueira, Ferrol, Culleredo, Carballo, Cee, Boiro, Ames e Melide. Segundo explicou a deputada de Deportes, Cristina Capelán Cancelo, nos cursos as mulleres participantes poderán ensaiar técnicas e estratexias para defenderse ante unha posible situación de perigo, rompendo os mecanismos que bloquean e imposibilitan a reacción.

Os talleres son gratuítos e están dirixidos á persoas de 14 a 70 anos empadroadas en calquera concello da provincia da Coruña. Nas aulas poderán aprender técnicas de autodefensa e protocolos de actuación no ámbito da defensa persoal. Deste xeito, descubrirán como situarse, afianzarse, saber caer e levantarse, manexarse no chan, moverse e desprazarse ou manter a distancia. Os seminarios terán lugar os sábados en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Desde o ente provincial recoméndase que as participantes leven roupa cómoda e deportiva e, se é posible, sen cremalleiras. Durante as sesións o uso da máscara será obrigatorio en todo momento. Cada encontro contará cun mínimo de 20 participantes e un máximo de 70. Un número que poderá reducirse en función do disposto nas últimas medidas que se aproben para facer fronte á crise sanitaria na comunidade.

O prazo de inscrición aos seminarios de Ortigueira e Ferrol abre hoxe xoves, 7 de outubro, e os das vindeiras clases farao de forma progresiva. As persoas interesadas deberán anotarse no Rexistro dos concellos que sexan sede.

Programación e prazos de inscrición:

  • Ortigueira- 13 de novembro 2021
     
    Pavillón deportivo IES Ortigueira
     
    Prazo de inscrición: do 7 ao 27 de outubro

  • Ferrol– 27 de novembro 2021
     
    Pavillón municipal da Malata
     
    Prazo de inscrición: do 7 ao 27 de outubro

  • Culleredo – 11 de decembro 2021
     
    Pavillón polideportivo Sofía Casanova
     
    Prazo inscrición: do 10 ao 30 de novembro 2021

  • Carballo – 15 de xaneiro 2022
     
    Complexo deportivo Vila de Noia e Carballo Calero
     
    Prazo inscrición: do 1 ao 20 de decembro 2021

  • Cee – 29 de xaneiro 2022
     
    Pavillón municipal
     
    Prazo de inscrición: do 1 ao 20 de decembro 2021

  • Boiro – 12 de febreiro 2022
     
    Polideportivo de Barraña
     
    Prazo de inscrición: do 10 ao 30 de xaneiro 2022

  • Ames – 26 de febreiro 2022
     
    Pavillón municipal
     
    Prazo de inscrición: do 10 ao 30 de xaneiro 2022

  • Melide – 12 de marzo 2022
     
    Polideportivo municipal
     
    Prazo de inscrición: do 1 ao 20 de febreiro 2022

    5