ecosdacomarca

4 de jun de 20231 min.

Activada unha alerta amarela por choivas e tormentas para este domingo en boa parte das comarcas

Ecos da Comarca/Xeral

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar a alerta laranxa por choiva na montaña de Ourense e de Lugo, así como no sur desta última provincia. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comeza ao mediodía de hoxe cunha precipitación acumulada nunha hora de ata 30 mm.

Pola súa banda, estarán en alerta amarela o centro de Lugo, xa que se prevé unha precipitación acumulada nunha hora de 20 mm, así como o interior da Coruña e de Pontevedra, e as zonas noroeste, Miño, sur e Valdeorras de Ourense, onde se agarda unha precipitación acumulada nunha hora de 15 mm.

A maiores activouse a alerta amarela por tormentas nos interiores da Coruña e de Pontevedra, en Ourense, e no centro, sur e montaña de Lugo.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Ante as fortes chuvias, recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Acónsellase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.
 

    2